0 Gardados para despois

A asemblea do NPC dará lugar a unha nova forza "nacionalista e de esquerdas" o 14 de xullo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A coordinadora de asembleas nacionalistas do denominado Novo Proxecto Común (NPC) decidiu este sábado a convocatoria dunha asemblea nacional constituínte para o vindeiro 14 de xullo en Compostela e da que sairá “unha organización política aberta, enmarcada dentro do nacionalismo e da esquerda ampla e plural”.

Na xuntanza celebrada en Teo, e na que estiveron representadas preto de 50 asembleas nacionalistas comarcais e locais de todo o país, acordouse a creación de dúas comisións: unha técnica-organizativa destinada á preparación da devandita asemblea nacional e outra encargada da redacción dos documentos políticos, programáticos e organizativos do NPC, que terá como misión  a confluencia nos textos das diferentes achegas xurdidas dos debates levados a cabo nas diferentes asembleas de zona.

O NPC dá un paso máis na conformación dunha organización política "perdurable, nacionalista e de esquerdas"

Logo desta xuntanza, o NPC dá un paso máis na conformación dunha organización política “perdurable, de carácter nacionalista, como expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma”, tal e como aclaran fontes da coordinadora. Xa que logo, o vindeiro sábado 14 de xullo debería ser a data fundacional dunha formación que traballa baixo o principio de “adscrición individual”, pero que conta co apoio inicial do Encontro Irmandiño ou Movemento pola Base, entre outros grupos, e en cuxos debates participaron persoas pertencentes a outros colectivos como Causa Galiza, Partido da Terra ou a Frente Popular Galega. 

Así, a coordinadora de asembleas nacionalistas fai “un chamamento a todas as persoas interesadas neste proceso a participar nas asembleas comarcais e locais” ou “xa directamente” na asemblea nacionalista do próximo mes de xullo, no caso de non teren participado en ningunha xuntanza anterior. O NPC chama así a “todas as sensibilidades políticas dentro do galeguismo, do nacionalismo e da esquerda inclusiva e plural”.

"A xuntanza achegou moitas sensibilidades diferentes e foi máis plural e diversa que anteriores convocatorias"

Ademais, fontes da coordinadora convocante amosaron a súa “satisfacción” polo resultado da xuntanza deste sábado, da que destacan a asistencia “de representantes de máis asembleas que a da última convocatoria” e da presenza tamén de “moitas diferentes sensibilidades”. “A reunión foi máis plural e diversa do que realmente pensabamos”, chegan a recoñecer as mesmas fontes.

A idea da nova organización política asemblearia, cuxa denominacion oficial se decidirá no vindeiro 14 de xullo, é a de concorrer ás próximas convocatorias electorais, pero as futuras alianzas non se abordarán até despois da súa asemblea nacional. Compromiso por Galicia, grupo que xunta a Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista, deberá agardar a cando menos mediados do verán para comezar as negociacións pertinentes co NPC, que tampouco descarta establecer contactos con outras forzas de esquerda de cara a futuros comicios.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.