A SÚA QUENDA, SEÑORÍA
Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?
A perda de dereitos con respecto á xeración anterior é cada vez maior e o mesmo ocorre respecto da falta de respecto pola democracia. Quero un país mellor para os meus fillos, e eles son a miña motivación.
Por que a cidadanía debería votar por vostedes?
Estamos a demostrar que poñer en práctica o noso programa para mellorar a vida dos cidadáns é o noso obxectivo. Unha nova forma de facer política, xunto coa posibilidade de poder controlar o goberno da Xunta desde a oposición responsable, supoñería para Galicia un cambio a mellor. Merecemos máis e non podemos darlle de novo carta branca ao PP para que poida seguir facendo política sen dar contas aos cidadáns.
Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?
A falta de emprego é sen dúbida o principal problema de Galicia. Habemos de ser capaces de aproveitar toda a forza do noso sector primario para implantar industrias transformadoras capaces de crear emprego de calidade. Leite, carne, pesca, madeira... Galicia é rica, e habemos de saber aproveitar a riqueza do sector primario para crear tamén riqueza para os galegos, con esa intención priorizaremos o financiamento público da investigación aplicada cara ás áreas que resulten relevantes para os sectores produtivos claves para Galicia.