Antón Sánchez: "En Marea aspira a desaloxar a dereita para comezar a reconstruír o país"

Dominio Público Praza Pública

A SÚA QUENDA, SEÑORÍA

Cal é a súa principal motivación para entrar no Parlamento?

O certo é que xa estiven na pasada lexislatura no Hórreo combatendo ao PP desde AGE. Agora toca dar unha alternativa viable de goberno para este país e dar no posible a resposta á gravidade dos problemas que lastran a Galiza.

Por que a cidadanía debera votar por vostedes?

"O máis urxente é un decreto de garantías sociais que asegure o acceso á vivenda, remate cos desafiuzamentos e pule pola fin da pobreza enerxética"

Vimos dun proceso de acumulación de forzas que vén de lonxe e somos quen de aglutinar no plano electoral á maioría das esquerdas e do soberanismo galego actualmente. Aspiramos a representalos, desaloxar á dereita e comezar a reconstruír o país en materias económica, social, medioambental, rural, pesqueira, enerxética. Precisamos mudar o modelo da corrupción e dos privilexios por unhas institucións ao servizo das maiorías sociais.

Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25S?

Aprobar un decreto de garantías sociais mínimas que asegure o acceso á vivenda digna e remate cos desafiuzamentos, pular pola fin da 'pobreza enerxética', e unha renda básica. Iso, o urxente. Logo, moito máis, como auditar as contas e contratos da administración Feijóo. E logo, hai que atender o modelo forestal e a Sanidade de maneira inmediata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.