0 Gardados para despois

Feijóo reitera que "coñecía" a Marcial Dorado, pero "non a súa actividade"

Redacción | @prazapublica

Unha das dúbidas que xurdiu no seo das forzas de esquerda galega cara á campaña electoral que agora inicia a súa recta decisiva tiña que ver coas fotografías do candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, compartindo vacacións co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado a mediados dos 90, cando o agora presidente e aspirante á reelección era máximo responsable do Servizo Galego de Saúde. Empregalas ou non, cando facelas e con que ton foron dúbidas recorrentes a respecto dunhas instantáneas que o diario El País publicou a finais de marzo de 2013, poucos meses despois de que os conservadores lograsen unha nova maioría absoluta en Galicia. Feijóo vén de se ver obrigado a recuperar a explicación verbo das fotos en plena campaña, e faino reiterando que "coñecía" a Dorado, pero non a a súa "actividade".

Alén dalgunhas mencións máis ou menos explícitas en mitins de En Marea, do BNG e, en menor medida, do PSdeG, as lembranzas máis aberta ás controvertidas imaxes realizouna a cabeza de cartel do Bloque, Ana Pontón, no debate electoral da CRTVG. Encomendarlle a José Manuel Baltar un plan contra a corrupción é o mesmo que facer o propio con Dorado para previr as drogas, dixo despois de comezar resaltando que sería "doado" chegar á pantalla dos medios públicos cunha copia das fotografías. Agora, nunha entrevista no mesmo xornal que as publicou, o líder conservador coida que, alén da incomodidade que o asunto lle segue a causar, este non trae consigo unha factura en forma de perda de votos.

"Naquel momento non tiña un cargo político, tiña un alto cargo nunha consellería"

"O primeiro que fixen daquela foi dar explicacións e comparecín no Parlamento", lembra Feijóo antes de indicar que "coñecín esa persoa, non coñecía a súa actividade relacionada co narcotráfico e en canto tiven algunha sospeita, en 1998 ou 99, non volvín ter ningún tipo de relación". "Coñecino -abonda- a través de persoas interpostas e aceptei que fora un erro". Neste sentido, o actual presdiente sinala "que naquel momento eu non tiña un cargo político, pero si un alto cargo nunha consellería [era o número dous de Sanidade, con José Manuel Romay Beccaría á fronte] e debinme informar máis". "Ese feito de hai 20 anos está aí para o bo e para o malo. Pedín perdón por non ter a dilixencai necesaria. Pero os galegos coñécenme e van tomar decisións", remata.

Defensa de Baltar e caso Hepatite C

Na mesma entrevista o líder do PPdeG realiza, como vén acontecendo durante a carreira electoral, unha pechada defensa de José Manuel Baltar fronte á acusación de ofrecer un emprego a cambio de sexo, caso no que permanece investigado -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias, sen que a xuíza desbote o acoso sexual. "A persoa prexudicada por este asunto -di, en referencia a Baltar- confesoume que o que se lle imputaba era falso" e "o fiscal que viu o sumario xa pediu dúas veces o arquivo". Dado que "a persoa que o denuncia está tamén en condición de investigada", agrega, "terei que esperar e ver, que é o mínimo nun Estado de Dereito".

O candidato popular considera "unha calumnia" a acusación da Fiscalía no caso da Hepatite C

Nun contexto no que defende tamén a sucesión de Baltar fillo á fronte do partido e da Deputación de Ourense -se eu mañá teño algún descendente que se quere dedicar á política que lle teño que dicir? Que non o faga?, pregúntase na liña do xa expresado polo propio Baltar nos últimos anos- o aspirante popular dedica unha das súas respostas máis duras ao caso, aínda pendente nos tribunais, no que dous altos cargos de Sanidade permanecen imputados polo presunto atraso de medicación para a Hepatite C baseada en cuestións orzamentarias. Para Feijóo, a acusación da Fiscalía -o Ministerio Público agrega tamén o presunto delito de homicidio imprudente- é simplemente "unha calumnia, e non vou cambiar de opinión", advirte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.