A Xunta subvenciona a un colexio privado unha excursión formativa dos seus alumnos

A conselleira Beatriz Mato nas actividades para as que subvencionou o desprazamento do colexio privado Dominio Público Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente organizou en Silleda actividades para “uns 300 nenos” entre os que, ademais de varios colexios públicos, incluíu o Peleteiro de Santiago, ao que pagou 220 euros para o seu desprazamento

A principios de xuño a Consellería de Medio Ambiente organizou en Silleda, no marco da Semana Verde, actividades de sensibilización ambiental para “preto de 300 nenos” de varios colexios de toda Galicia. Entre eles incluíu o Colexio Peleteiro de Santiago, privado, ao que subvencionou con 220 euros o seu desprazamento ata Silleda. A consellería xustifica a invitación a ese centro privado pola súa aposta por programas de educación ambiental, pero non aclara se subvencionou esa viaxe en detrimento doutro centro público.

Os 220 euros cos que Medio Ambiente pagou o desprazamento Santiago-Silleda-Santiago dos nenos do colexio Peleteiro son unha cantidade pequena comparada cos milleiros de euros que a Xunta entrega cada día a dedo a través de ducias de contratos menores discrecionais. Porén, eses cartos foron parar a un centro que se publicita a si mesmo como “centro de ensino privado non subvencionado”. Con eses cartos, os nenos do colexio privado desprazáronse a un obradoiro ambiental organizado pola Xunta coa súa viaxe subvencionada do mesmo xeito que a dos outros centros públicos participantes, entre os que figuraban o CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, o CEIP de Panxón (Nigrán) ou o CPI de Cervantes.

A propia conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, visitou as actividades educativas organizadas en Silleda polo seu departamento. Na nota de prensa que divulgou sobre esa visita, a consellería salienta que foron invitados “preto de 300 nenos e nenas de distintos centros escolares -incluídos un centro de educación especial e outro de Cogami- a participar en distintas actividades relacionadas co medio ambiente”.

A Consellería de Medio Ambiente di que é habitual “invitar” a obradoiros ambientais a centros de toda Galicia que lle trasladan o seu interese por participar nesas actividades ou que veñen desenvolvendo programas de educación ambiental. Porén, non aclara por que ademais de “invitar” a participar nas actividades ao Colexio Peleteiro lle subvencionou tamén a viaxe nin se eses cartos poderían ser destinados a pagar o desprazamento doutro centro público a maiores dos que asistiron. Segundo a propia consellería, no último curso os seus programas de educación ambiental chegaron a 193 colexios e 10.800 alumnos, dos que os invitados a Silleda foron unha pequena parte.

Referencia ao pagamento do desprazamento do Colexio Peleteiro na web de contratos da Xunta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.