0 Gardados para despois

Táboas: "En Galiza hai espazo para outra forma de facer política"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Teresa Táboas (Cidade de México, 1961) fala con vehemencia. Vén de abandonar o escano parlamentario do BNG para o que foi elixida nas eleccións de 2009, pero non desconectou da vida política. A que fora decana dos arquitectos galegos e conselleira de Vivenda do goberno bipartito olla, cando menos temporalmente dende un segundo plano, os movementos internos que se suceden na formación frontista tras a súa XII Asemblea Nacional. Coida que aínda non é o momento de decidir se ela tamén entrega o seu carné de militante do Bloque, aínda que subliña que non é quen de "defender" un proxecto "que non comparte ao cen por cen". Ve a necesidade de explorar novas vías no nacionalismo e na esquerda nun contexto no que bota en falta "rebeldía" e "vangarda". A esquerda, di, debe conxugar o "alto pensamento" coa "concreción". "Non pode ser só un clube de debate", di. Niso, asegura, é no que pensa neste momento.

Vén de pasar unhas semanas intensas e de tomar unha decisión relevante. E agora, que?
Agora, ter tempo para min e para a miña xente e pensar, estar atenta ao que está sucendendo na propia organización e, o máis importante, estar atenta ao que está pasando no país. Este é un momento histórico moi complexo, no que as mudanzas se producen moi ás présas no político, no social e no económico. É un momento con moitos sectores da sociedade excluídos, sobre todo no que atinxe a servizos públicos de primeira orde. Estanse perdendo moitas conquistas sociais e unha nunca se pode evadir.

Estará atenta como militante do BNG?
Agora son militante de base, para ter perspectiva e poder tomar decisións. Será aporque son arquitecta, pero a perspepctiva é importante, ver todo cunha certa distancia.

Neses termos arquitectónicos e dende esa perspectiva, como ve o edificio do Bloque?
É un edificio feito e construído no momento histórico no que había que construílo para darlle respostas á sociedade cunha forza propia do país. Está construído con distintos materiais e foi durante moitos anos un bloque compacto que traballou. Non dende a última asemblea, senón dende hai bastante máis tempo, empezan a non encaixar pezas que configuraron ese edificio como casa cómun.

En que momento toma a decisión de abandonar o escano?

"Deixeino por honestidade, un non pode defender algo no que non cre ao cen por cen"

Fíxeno por honestidade, que é como entendo a política. Cando defendes unhas ideas, igual que cando fas un proxecto persoal sempre tes que estar motivada e crer no que estás facendo. O que me pasou a min foi que se confrontaron doúas maneiras distintas de entender o país e acadar unha liña política para dirixir o proxecto do BNG. Triunfou outra liña que non coincide co que eu penso en esencia. Eu apostei pola reformulación, por unha reorientación e hai unha militancia que lexitimamente dixo que non. Prefiro, por honestidade, que outras persoas, e neste caso casualmente será tamén unha muller e de Pontevedra [Carme da Silva], me substitúan, porque as cousas hai que defendelas con paixón, crendo nelas ao cen por cen. Un non se pode atar a un posto se non cre no que estás facendo. Ao mellor outra xente é capaz, pero eu non. Cando era conselleira, por exemplo, defendía a política que estaba facendo vehementemente porque cría ao cen por cen que ese era o camiño.

Nestes días producíronse baixas de militantes con relevancia pública e dalgunha corrente interna... atribúeas aos mesmos motivos?
Estiven lendo a carta de Pérez Bouza e parece que é esa mesma liña. Imaxino que tamén é a de Lidia Senra, unha muller bandeira do feminismo e no agro, unha  das grandes líderes políticas do noso país, que xa levaba algún tempo afastada das teses oficiais, veremos tamén o que decide o Encontro Irmandiño... Están tendo lugar moitos movementos telúricos que poden facer perigar o edificio.

Ténselle reprochado a quen marcha que non acepta o resultado da Asemblea. Como o valora?

"No congreso do PSOE debateuse de persoas, no BNG o debate foi moito máis profundo" 

A Asemblea do BNG confrontou dous modelos diferentes. É comprensible que a xente queira marchar, non vai seguir cun modelo que non comparte. É distinto do congreso do PSOE, por exemplo, onde o debate era entre dúas persoas. No BNG o debate foi moito máis profundo. Case a metade pedía unha rexeneración e unha refundación do BNG. Unha e outra posición son moi distintas e moi distantes.Entendo que a xente que se está a dar de baixa poida tomar esa decisión.

En xeral, que balance fai destes anos, dende a chegada ao Goberno galego ata agora?
Para min foi unha das etapas máis importantes da miña vida, para poder axudar a mellorar dende a política, para botar unha man nese proxecto colectivo. Foron anos moi importantes, tamén de moita tensión, porque eu nunca estivera en política. Tamén foron anos de moita ilusión. Eu sempre lembro a equipa da Consellería de Vivenda, onde puxemos moitas cousas en marcha e lle demos a volta a todas as políticas de vivenda. Estou moi orgullosa, aínda que tamén se fixeran cousas mal, da ilusión que lle puxemos. Na oposición tamén, porque se presentaron moitas iniciativas, aínda que normalmente nolas tomben.

Nos días previos á Asemblea compareceu xunto a Xosé Manuel Beiras para apoiar o seu proxecto. Cabe un achegamento ao Encontro Irmandiño se decide emprender un proxecto fóra do BNG?

É cedo para pensar niso. Hai que agardar, tamén por outras correntes organizadas. En todos estes grupos que poden decidir marchar hai xente estupenda, moi activa politicamente, que levan toda a súa vida activos e activas na política. Haberá que agardar a ver se pensan que se pode facer outra cousa diferente. Eu tamén estou agardando a ver que pasa.

Hai espazo para outra forza política nacionalista?

"O pensamento acrítico só está na esquerda dogmática e na dereita"

Si hai espazo, porque o está demandando a sociedade a nivel xeral. En Galiza e no resto do mundo hai espazo para outra forma de facer política. Teño a sensación dende hai  meses ante unha crise tan fonda, que está alterando tan fondamente conquistas sociais e dereitos que se acadaron polo esforzo de moitos. Iso está chegando a un punto  onde a política como se entendeu tradicionalmente xa empeza a non ser suficiente para darlle resposta á xente. Non sei se en Galiza se traducirá en algo. Dende principios de século estamos nun tránsito no que a sociedade se quere involucrar máis, están vendo que as decisións non a toma o alcalde, nin o presidente da Xunta nin o presidente do Goberno do Estado. Tómanse en Bruxelas, ou no BCE, ou no Banco Mundial, ou no Fondo Monetario Internacional. Tómanse moi lonxe, pero repercuten moito máis que a decisións que toma o alcalde. Nese sentido, a nivel do mundo e no contexto europeo a sociedade precisa un novo espazo, no que a xente se sinta participando. Nestes tempos, catro anos son demasiado, o PP leva gobernando dende novembro e dá a sensación que levan 10 anos, ou toda a vida. Un votante do PP en novembro votou para que o representasen catro anos. Se lles preguntasen agora a moitos, seguramente non lles votarían.

Semella que esa diagnose e esa crítica é máis intensa na esquerda...

Na esquerda sempre somos moito máis críticos. Quitaría á esquerda dogmática, porque non son críticos. O progresismo, os que queremos ir cara a adiante nos dereitos, a adiante nos dereitos, sempre somos críticos, sempre o fomos moito máis. Porque o pensamento acrítico só está na esquerda dogmática ou na dereita.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.