2012-2016 Memoria de catro anos de lexislatura

Memoria da lexislatura 2012-2016 CC-BY-SA Praza Pública

Da segunda vitoria electoral de Feijóo ao xurdimento das mareas municipais. Das fotos con Marcial Dorado ás remudas nos liderados de PSdeG e BNG. Da emerxencia e crise de AGE ao xurdimento de Podemos, das inusuais eleccións europeas ás mudanzas nas municipais e ás incertas xerais. Os preferentistas a entrar no Parlamento mentres se bota o ferrollo á investigación sobre as caixas. Tanta solidariedade como sombras na traxedia de Angrois. Son só algúns retallos de catro intensos anos da política galega que, con independencia do resultado, ficarán pechados cando pechen as urnas o vindeiro domingo, 25 de setembro, e que queremos lembrar coa cronoloxía que acompaña estas liñas.

A partir de algo máis de 150 informacións tiradas da sección de política de Praza.gal -xornal que, ao inicio desta xeira, aínda era .com!-, compoñemos unha liña de tempo a través da que podes navegar cronoloxicamente ou ben, coa ferramenta da súa parte inferior, ampliala e poñer a atención no período que máis che interese lembrar. Co foco posto no labor do Goberno e, en segundo termo, nos avatares de quen foron oposición, compoñemos un mapa de pequenas doses de memoria, necesariamente incompleto, que permite navegar por case catro anos de información política para que, en última instancia, compoñas ti a túa propia liña de lembranzas ás portas das urnas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.