O voto ás forzas extraparlamentarias disparouse ata o 7% en 2012

Evolución da % de voto ás forzas extraparlamentarias e do voto en branco Dominio Público Praza Pública

A pesar de que a competición electoral semella dominada, na rúa e nos medios, por catro ou cinco formacións políticas, hai outras candidaturas que tamén se presentan ás eleccións e que aínda que parecen lonxe da opción de obter representación, dende logo recibirán un número notable de votos. A importancia dos outros, das forzas sen representación parlamentaria creceu nos últimos anos e, por exemplo, en 2012 obtiveron case o 7% dos votos (6,88%), ao que podemos sumar un 2,69% de votos en branco, que chegaron ao seu máximo nesa convocatoria. E mesmo un 2,55% de votos nulos (que non computan como votos válidos), que igualmente acadaron o seu récord ese ano, moi por riba do dato de 2009 (0,89%).

Os resultados foron unha mostra da crecente fragmentación das preferencias políticas. O 6,88% sumado polas forzas que non acadaron representación duplicaba o dato de 2009 (3,05%) e cuadriplicaba o de 2005 (1,67%)

En total, 175 mil dos galegos e galegas que acudiron ás urnas optaron por opcións distintas a PP, PSdeG-PSOE, AGE e BNG, incluído nesta cifra os votos brancos e nulos. O primeiro dos extraparlamentarios foi UPyD (21.212 sufraxios), seguido de Escanos en Branco, Sociedad Civil y Democracia, Compromiso por Galicia e Pacma. Os resultados foron unha mostra da crecente fragmentación das preferencias políticas. O 6,88% sumado polas forzas que non acadaron representación duplicaba o dato de 2009 (3,05%) e cuadriplicaba o de 2005 (1,67%). Tamén a porcentaxe de votos en branco creceu con claridade dende a convocatoria autonómica anterior (1,66%) e a do 2005 (1,3%). 

En xeral, os comicios entre 1997 e 2009 estiveron marcados polo escaso peso electoral das forzas extraparlamentarias. Porén, o escenario actual si se parece ao das eleccións galegas celebradas nos anos oitenta e a comezos de 1993. Nos primeiros comicios autonómicos, os partidos que non obtiveron representación sumaron o 9,47% dos votos, encabezados polo Partido Galeguista (3,31%), o trotskista Partido Socialista dos Traballadores (1,85%) e a Unión Socialista Galega (1,29%).

Os votos en branco e nulos chegaron ao seu máximo en 2012

Esta fragmentación mantívose en 1985 (6,98%), destacando o 3,3% obtido polo CDS e o 0,85% do PCG. E tamén en 1989 (7,53%), de novo co CDS como primeira forza extraparlamentaria (2,89%), seguida de EU (1,50%) e o PNG (1,37%). En 1993, xa co límite do 5% imposto polo primeiro goberno de Manuel Fraga, EU-UG obtivo o 3,09% sen acadar representación, sumando as forzas que quedaron fóra da cámara un 4,92%. O propio límite do 5% e o crecemento do BNG limitaron nos anos seguintes a fragmentación na esquerda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.