A fin da campaña en vídeos: Épica, humor e mensaxes persoais

Vídeos de fin de campaña CC-BY-SA Praza Pública

As forzas políticas concentran cada vez máis esforzo no que ata hai pouco tempo eran "outras pantallas", isto é, a propaganda electoral audiovisual que non sae en televisión, pero si circula con rapidez por internet e nos asalta en teléfonos, ordenadores, tabletas ou televisores conectados. Nesta liña, as principais formacións que concorren ás eleccións do 25S comezaron a campaña lanzando cadansúas apostas audiovisuais, xa fose en clave musical, presentando os seus candidatos ou ironizando coas consecuencias de que triunfen os adversarios. Na recta final, volvérono facer.

Pola banda do PP, un dos vídeos nos que máis esforzos de difusión investiron é tamén mostra dun dos escasísimos episodios da campaña na que o gabinete conservador tivo que xogar á contra. Ante o evidente papel secundario das siglas do partido durante toda a carreira electoral, aproveitada polas forzas da esquerda durante estas dúas semanas, o PP lanzou un vídeo para tentar deixar claro que non foxen do logotipo que os liga coa formación que encabeza Mariano Rajoy. O vídeo, no entanto, tivo retruque en clave de humor dende En Marea.

En Marea, precisamente, lanzou dúas montaxes en vídeo durante a recta final da campaña. Unha é musical, a adaptación da Maré alta de Sérgio Godinho para advertir, en clave electoral de que "chega a marea alta". A outra céntrase na figura do candidato, Luís Villares. Nun ton épico, a formación recompila imaxes de actos electorais e combínaas con lembranzas de mobilizacións sociais dos últimos anos, culminándoas con Villares a evocar o Máis alá de Manuel Antonio

No PSdeG, como en toda campaña, a recta final neste eido ten dúas pólas. Unha, a humorística, mantida dende as Xuventudes Socialistas con clips protagonizados polo actor David Perdomo, que advirte en clave retranqueira das consecuencias "para a saúde" das vitorias electorais do PP e dos beneficios do cambio de goberno na Xunta. Tamén en clave de humor vai o vídeo que ten como protagonistas ás "gaivotas de Feijóo", onde un destes animais fai un particular percorrido pola biografía do popular. Outra é a protagonizada polo candidato á Presidencia, Xoaquín Fernández Leiceaga, con vídeos curtos sobre diferentes aspectos das súas propostas e da campaña en xeral. O último, difundido na derradeira xornada da campaña, convida a votar sen o "medo" que, alerta, tenta infundir o PP.

O BNG puxo especial énfase, novamente, na parte da creatividade audiovisual de campaña. Así, por exemplo, tras amosar unha xornada da vida cotiá da súa candidata á Presidencia, Ana Pontón, o Bloque presentou unha serie de montaxes nas que convidaba a imaxinar os resultados prácticos que tería un Goberno liderado pola formación soberanista, e outro vídeo, de ton marcadamente urbano, inspirados nos "raios de luz" que, ilustran, traería consigo "un tempo novo" para o país. A xeito de conclusión, o Bloque difundiu este venres un vídeo en clave de mensaxe persoal de Pontón, na que convida a "votar con ilusión" para que, tras o reconto electoral, "haxa motivos para sorrir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.