Fin de festa cara ao 25S: Quen mobilice, gaña

Peches de campaña de PP, PSdeG, En Marea, BNG e C's CC-BY-NC-SA Praza Pública

Apáganse os focos, desmóntase os escenarios. Vigo e Santiago foron os centros neurálxicos dende os que as principais forzas políticas do país lanzaron este venres as súas derradeiras mensaxes de campaña. Cando volvan poñerse ante os seus lemas e cores electorais semellará que transcorreu unha eternidade, aínda que sexan menos de corenta e oito horas. Farano para analizar os resultados, a composición dun novo Parlamento de Galicia que, a xulgar polas derradeiras mensaxes dende todas as bandas, estará condicionado, alén de tópicos, pola mobilización do electorado.

A mobilización, precisamente foi unha das ideas forza da campaña de quen aspira a recuncar no poder, Alberto Núñez Feijóo. Esa foi, nomeadamente, a segunda idea forza. A primeira foi, sinxelamente, "Feijóo". E para que Feijóo siga onde está, reiteraron, cómpre mobilizarse. Por iso os avultados resultados das enquisas foron contrarrestados durante toda a campaña dende a cúpula do principal partido da dereita con chamadas á cautela que, non obstante, quebrou Mariano Rajoy, quen nunha caravana de seu veu augurando unha vitoria "por moito".

Da mobilización total ou parcial da poderosa maquinaria popular depende, en boa medida, o que suceda en todas as demais casas políticas de Galicia. Se os de Feijóo perden representación nas catro circunscricións, como lle sucedeu a Manuel Fraga en 2005 -desta volta existe, entre outros, o factor diferencial de que Lugo perde un escano, que gaña A Coruña-, tanto PSdeG, En Marea como BNG xa manifestaron a súa disposición ao diálogo, a un goberno alternativo pola esquerda.

O PP apelou á mobilización fronte ás enquisas para evitar un pacto de esquerdas ao que PSdeG, En Marea e Bloque se amosan dispostos

No caso de socialistas e En Marea a chamada á mobilización está vinculada ao aquel de desánimo co que comezaron a campaña e que, no caso dos de Villares, deron en remontar no treito final. Pola banda do Bloque, tras a carreira electoral con máis sorrisos dos últimos anos o que se pide é trocar a "simpatía" en "votos". Dos derradeiros escanos en xogo nalgunhas das provincias, viñeron reiterando os soberanistas, pode depender a maioría. Se eles desequilibran a balanza, reiteran, haberá cambio.

A barreira do 5% para o BNG e, en segundo termo, para Ciudadanos, pode ser determinante

Neses últimos escanos é onde poden entrar en xogo os votos a outras formacións en competencia nas urnas o vindeiro domingo. Alén do Bloque, a principal incógnita é Ciudadanos: se son quen de superar o limiar do 5% xa advertiron que o seu escano ou escanos servirán, de ser necesario, para soster un goberno do PP. Pairan sobre as eleccións, no entanto, outras preguntas: confiarán en Democracia Ourensana os seus votantes das municipais ata levar a formación local ao Parlamento galego? Cal será o percorrido de CxG? Quen mobilice, gaña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.