O voto por correo crece un 38% e supera o dato de 2005

O número de votos por correo superou o nivel acadado en 2005 Dominio Público Praza Pública

O número de votos por correo enviados para as eleccións deste domingo creceu un 38% con respecto aos datos de 2012. En total, 42.300 galegos e galegas enviaron os seus sufraxios, un número moi superior aos pouco máis de 30 mil que se rexistraron hai catro anos. A cifra sitúase por riba do anterior máximo histórico: os 40.500 electores/as que o fixeran en 2005, as eleccións nas que Manuel Fraga perdeu a súa maioría absoluta. Nas dúas convocatorias seguintes -2009 e 2012- o número de votos por correos descendera (34.923 e 30.600), unha tendencia que agora se rompe.

O voto por correo é un dos poucos datos incontestables que se dan a coñecer nas campaña electorais, nas que se barallan un gran número de estimacións, sondaxes e prognósticos. Adóitase interpretar a súa evolución como un indicador da participación electoral final, aínda que hai que salientar que na última década a súa tendencia é crecente, independentemente da maior ou menos mobilización electoral, xa que cada vez máis persoas recorren a este instrumento, ben por comodidade, ben obrigadas por atoparse nese momento desprazadas do lugar no que están censadas.

No 2005, momento en que se rexistrara un gran incremento dos sufraxios por correo (duplicáranse con respecto a 2001), este aumento coincidiu cun ascenso da participación (do 60,2% ao 64,22%). Porén, nas dúas convocatorias seguintes, a participación global mantívose estable (64,43% e 63,8%), mentres que os sufraxios por correo descenderon con respecto a 2005.

Os datos achegados polo INE amosan ademais que en cada elección a evolución do voto por correo é produto dunha maior ou menor mobilización dun tipo diferente de elector. Así, en 2005 unha parte moi importante do número récord de sufraxios enviados procedeu dos electores e electoras máis novas, de menos de 35 anos. Porén, en 2009 e 2012 o número de votos por correo dos mozos e mozas foi moi inferior, mentres que se mantivo estable no resto de grupos de idade.

Dous traballadores de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.