A Xunta Electoral prohíbe que os interventores do PP amosen as carpetas coa imaxe de Feijoo

Unha das carpetas que levaban os e as interventoras do PP © DO

Dende a apertura dos colexios electorais en Galicia sucedéronse as denuncias polas carpetas empregadas polos interventores e interventoras do Partido Popular, nos que se podía ver con claridade o nome de Feijoo e o eslogan da formación na campaña electoral, elementos non permitidos ao redor das mesas de votación. 

Minutos despois das nove da mañá, o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Jácome, chegaba mesmo a ameazar con "impugnar todas as mesas da provincia", pola presenza desta propaganda política. A formación denunciou os feitos ante a Xunta Electoral. E tamén o fixeron outros partidos, como EnMarea na provincia de Pontevedra. A Xunta Electoral reaccionou con rapidez, dando indicacións a todos os presidentes e presidentas de mesa para que ordeasen a retirada desa publicidade non autorizada.

Nalgúns colexios, mesmo os axentes de policía destinados para a cobertura da xornada electoral, interviron para lembrar a prohibición. E, como denuncia Democracia Ourensana, nalgunha mesa os apoderados e apoderadas do PP "negáronse a ocultar as carpetas", motivando que o presidente detivese a votación ata que acatasen a orde da Xunta Electoral.

Foi, iso si, o único incidente salientable nun inicio de xornada moi tranquilo, sen outras sucesos destacables.

Por outra banda, a Xunta Electoral está mandando circulares ás mesas electorais da provincia da Coruña en relación coa posibilidade de que aparezan votos con papeletas de En Marea pola provincia de Pontevedra. Durante a campaña, houbo un erro nalgúns envíos do mailing da formación, chegando a algunhas casas a papeleta trabucada. Vai depender de cada mesa aceptar eses votos ou non

Unha das carpetas que levaban os e as interventoras do PP © DO
A policia tivo que advertir aos e ás representantes do PP de que respectasen a indicación da Xunta Electoral © Anova Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.