O PSdeG cede 50.000 votos e o liderado da oposición

Leiceaga, durante a campaña Dominio Público PSdeG

Houbo sorpasso sobre o PSdeG. Por pouco, pero hóuboo e os socialistas non conseguiron sequera manterse como primeira forza da oposición, tal e como fixeran na última convocatoria das eleccións xerais en xuño ou como nas autonómicas de hai catro anos. Á nova maioría absoluta do PP e de Feijóo uniuse o adiantamento de En Marea pola esquerda e unha caída de case tres puntos e de case 50.000 votos con respecto a 2012. 

O PSdeG sofre o 'sorpasso' de En Marea e obtén o seu peor resultado da historia nunhas eleccións autonómicas

É o peor resultado do PSdeG nunhas eleccións autonómicas, tanto en número de escanos como en porcentaxe. Nunca baixara dos 15 escanos -os mesmos que conseguira en coalición con EU-EG en 1997 no seu anterior peor resultado- e tan só fora terceira forza en dúas ocasións máis por baixo do BNG. Ademais, e con respecto ás xerais do 20D, os socialistas déixanse case 100.000 votos polo camiño. 

O PSdeG mantivo a súa representación na provincia da Coruña, pero perdeu un escano por Lugo, outro por Pontevedra e dous en Ourense. Catro deputados menos que no último Parlamento autonómico. 

As batallas internas, as convulsas consecuencias do proceso de primarias e a irrupción de novas forzas situaron o PSdeG nunha complicada situación, acentuada pola dinámica do partido a nivel estatal. Recuperara o liderado do espazo progresista en Galicia o 26X logo de perdelo o 20D, un consolo que tampouco ten agora. Confiaban dentro da formación en que o sorpasso non acontecera finalmente e que a maioría absoluta se decidise por uns milleiros de votos. Nin unha nin a outra. 

As batallas internas e a irrupción de En Marea puxeron o PSdeG nunha complicada situación acentuada pola dinámica estatal

O resultado axitará a formación en Galicia, cun Leiceaga contestado por unha boa parte do partido, especialmente polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que manifestou como outros importantes dirixentes o seu malestar pola conformación das listas e que apenas participou na campaña nin amosou, nin moito menos, moito entusiasmo a favor do candidato. Terá consecuencias tamén en Ferraz, contestado tamén polas listas e expectante por un resultado que salvase os mobles a Pedro Sánchez e afortalase o seu precario liderado. Tampouco será. 

 

"Temos que facer autocrítica"

Fernández Leiceaga non disimulou a decepción. "Non podemos estar satisfeito cos resultados", recoñeceu o candidato á presidencia da Xunta, que asegurou que "non se pode presumir" do acadado. "Temos que corrixir os erros e facer unha autocrítica necesaria", insistiu, tras evitar as cuestións máis espiñentas cando foi preguntado polas discrepancias internas. 

"Non fomos capaces de explicarlles aos galegos a nosa alternativa, de que se nos visualizase como tal e isto dificuulta que o cambio político se produza en Galicia, tal e como advertimos na campaña", asegurou, antes de instar a unha "oposición construtiva".

Leiceaga, durante a campaña Dominio Público PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.