O 25S alarga o espazo electoral á esquerda do PSdeG

Evolución do voto á esquerda do PSdeG en Galicia Dominio Público Praza Pública

O espazo electoral á esquerda do PSdeG alárgase en Galicia. A suma de En Marea e BNG acadou nas eleccións do pasado domingo máis do 27% dos votos (27,4) e aumentou en máis de tres puntos a porcentaxe acadada entre o Bloque e AGE nas eleccións de hai catro anos. Ante uns socialistas que sufriron o peor resultado da súa historia nunhas autonómicas, o espazo que agrupa a confluencia do partido instrumental e a fronte nacionalista continúa incrementándose no país, aínda que os datos indican que comparten votantes que van cambiando a súa preferencia segundo a convocatoria electoral. 

A suma de En Marea e BNG suma o 27,4% dos votos, a maior porcentaxe á esquerda do PSdeG nunhas autonómicas

Só un dato. O número de votos que sumaron En Marea e BNG nas eleccións xerais do pasado 26 de xuño é case idéntico ao que xuntaron nas autonómicas do domingo, aínda que cunha repartición ben diferente. Dos 389.045 sufraxios que acumularon entre as dúas forzas nas eleccións ás Cortes do Estado (o 25%) pasouse aos 390.400 do 25S (27,4%). Apenas 1.355 votos máis

O 26X, En Marea acaparou o 22,2% dos votos, case 345.000, mentres que o Bloque, nun dos seus peores resultados históricos, non alcanzou os 45.000 e apañou un exiguo 2,9%. As cousas cambiaron o pasado domingo. Cunha participación de cinco puntos menos respecto das xerais, a confluencia perdeu 73.000 votos mentres que o BNG recuperaba 74.000. Vasos comunicantes entre dúas formacións.

A suma de Bloque e En Marea o 25S é case idéntica á do 26X aínda que con repartición diferente: a confluencia perdeu 73.000 votos e o BNG recuperou 74.000

Con todo, os do pasado domingo foron os comicios nos que maior apoio acadaron as forzas á esquerda do PSdeG en Galicia nunhas autonómicas, pero non a nivel global. O pico foi nas xerais de decembro, cando a efervescencia política, a alta participación e o impulso da dinámica estatal lle deron a En Marea o 25% do apoio e máis de 410.000 votos. Xunto ao 4,3% do BNG e os seus 71.000 apoios, o espazo en conxunto achegouse ao medio millón de suraxios (481.561).

En Marea e BNG sumaron 90.000 votos máis nas xerais de xuño e 90.000 foron tamén os votos que perdeu o PSdeG desde aquela

Son eses votos uns 90.000 máis dos que acadaron xuntos os dous partidos nas últimas autonómicas. E son 90.000 tamén os votos que deixou polo camiño o PSdeG desde xuño ata este 25S.

Sexa como for, e comparando con anteriores eleccións autonómicas, o espazo da esquerda máis aló do PSOE mantense en aumento. Suma máis que o 23% e os 350.000 votos que apañara practicamente en solitario o BNG en 2001 -que sumaría 10.000 máis con EU-, os 312.000 de 2005 (19%) e os máis de 270.000 (17%) de 2009, cando o bipartito fora derrotado na primeira vitoria electoral de Núñez Feijóo.

A achega de Podemos

 Os datos, ademais, invitan á reflexión sobre as teorías que insisten en que os procesos de acumulación na esquerda non só comezaron en Galicia a nivel estatal, senón que a súa base electoral está moi asentada desde a irrupción de AGE en 2012, sobre todo no que ten que ver coas eleccións autonómicas. Así, e aínda que o efecto de Podemos parece clave nuns comicios xerais onde En Marea chegou a superar os 410.000 votos, non o semella tanto a nivel galego. 

En Marea sumou 70.000 votos máis que AGE en 2012, cando Podemos aínda non existía

Sendo importante a achega da formación morada, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) sumara en Galicia máis de 200.000 votos nas autonómicas de 2012, cando Pablo Iglesias aínda non puxera en marcha o seu partido. Catro anos despois, logo da acumulación de varias mareas municipalistas e máis formacións ademais de Podemos, En Marea sumou 70.000 votos máis que o espazo que incluíra a Anova, EU, Equo e Espazo Ecosocialista nos anteriores comicios galegos. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.