Xosé Chorén: "Feita a análise política, nós non temos espazo no proxecto do BNG"

Xosé Chorén © EN

Uns que marcharon. E poden ser os primeiros dunha lista considerable. A Mesa Nacional de Esquerda Nacionalista, integrada até o de agora no Bloque Nacionalista Galego, aprobou este mediodía a súa saída do BNG. O Partido Nacionalista Galego (PNG) anunciou tamén a convocatoria dun congreso para o 17 de marzo no que decidirán se se suman ao éxodo, aínda que todo parece indicar que é unha "decisión tomada". Moitos movementos que esta mesma fin de semana poden ter o seu punto de inflexión na asemblea que celebra este domingo o Encontro Irmandiño, liderado por Xosé Manuel Beiras.

Entendemos que no novo proxecto, lexitimamente aprobado pola militancia, non encaixa o noso

"Tomamos unha decisión por unanimidade, deliberada, ao considerar que o noso proxecto político non ten cabida dentro do programa que se aprobou en Amio", apuntou a Praza Pública Xosé Chorén, secretario xeral de EN. Chorén aseverou reiteradamente de que a "conclusión de abandonar o BNG" se produciu unha vez se analizou o que a formación frentista poñía "riba da mesa" en canto á súa estratexia política. "As nosas posturas eran moi lonxanas", puntualizou. Respecto de todo o maremagnum de novas que se están a producir dentro do BNG, Chorén entende que agora hai un stand by e que "todo" se vai desencadear proximamente, en alusión ás asembleas do Encontro Irmandiño ou Máis Galiza.

Preguntado pola falta de unidade no BNG a raíz do cónclave de Amio, apuntou que non lles corresponde "facer unha análise do Bloque". "Nós fixemos a nosa propia reflexión política e entendemos que no novo proxecto, lexitimamente aprobado pola militancia, non encaixa o noso", dixo a Praza. A partir de aí, "nós non imos en contra de ninguén e non temos nada que valorar sobre as decisións que adopte o BNG". Por último, trasladou os "mellores desexos" á formación que comanda Guillerme Vázquez desde a portavocía nacional.

Unha nova forza

Neste contexto de constantes novas, Xosé Anxo Laxe (militante de Máis Galiza e exvoceiro nacionalista en Lugo), coincidiu co sentir de Chorén en que "é difícil coincidir co proxecto político que pon sobre a mesa unha parte do Bloque, a UPG", declarou Laxe a preguntas deste diario. Na súa opinión, hai un proceso aberto de "ebulición" que terá como consecuencia a posta en marcha dunha "nova forza nacionalista en Galicia". "Hai moitas cousas que pulir" e aspectos que deben aínda "analizarse". En calquera caso, dá por feita a creación desa "nova forza". Iso sí, incidiu en que Máis Galiza ten convocado o seu "propio cónclave" para o 11 de marzo, momento en que se tomará a decisión de seguir ou abandonar, como xa fixo EN, o Bloque Nacionalista Galego.

Hai un proceso aberto de "ebulición" que terá como consecuencia a posta en marcha dunha "nova forza nacionalista en Galicia"

En canto á posición do PNG, todo apunta a que tamén abandonarán a formación frentista. Os máximos responsables da formación xa mantiveron un encontro, no que "practicamente se tomou a decisión" de sumarse a Esquerda Nacionalista. "Van marchar", incidiron as mesmas fontes consultadas por este diario. Iso si, a súa asemblea será o 17 de marzo, seis días despois da de Máis Galiza, e non será ata ese momento en que o abandono do BNG, de producirse, sexa oficial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.