0 Gardados para despois

“Quero pensar que non eran decisivos”, di Feijóo dos papeis omitidos por Adif sobre Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse “sorprendido” este xoves pola revelación por parte de Adif a través da súa avogada do Estado de que durante tres anos “omitira por erro” documentación “relevante” para a investigación do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013. “Paréceme un erro importante non ter remitido eses informes no momento procesual inicial”, dixo o presidente, pero a continuación tentou rebaixar a relevancia do comportamento de Adif. “Quero pensar que non son informes decisivos”, dixo, para engadir que “será o xuíz quen o determine”.

O presidente da Xunta considera “un erro importante non ter remitido eses informes no momento procesual inicial” pero tamén di que lle “sorprende” que as vítimas critiquen tanto ao xuíz como ao fiscal

Á espera desa valoración tanto do xuíz como dos peritos da causa, efectivamente segundo varios expertos consultados esa documentación non achegaría nada que non estivese xa incorporado na investigación desde hai tres anos a través doutros informes similares ou complementarios. En particular, nada din os novos documentos sobre a petición da Audiencia da Coruña, cando en maio reabriu a instrución, de que se analice se Adif avaliou “a situación de perigo concretamente existente na curva”, xa que o agora entregado son análises de riscos xenéricas de toda a liña nas que non se estuda ese punto concreto. Esa consideración de que os documentos agora entregados non son “relevantes”, malia que así os cualificou a avogada do Estado que defende a Adif, foi defendida este martes polo ministro de Fomento, Rafael Catalá, que volveu ofrecer “transparencia” e “colaboración” coa xustiza.

A Feijóo este xoves, ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta, tamén se lle preguntou polas críticas das vítimas que consideran que o Goberno non está a cumprir con esa transparencia e colaboración. O presidente dixo que lle “sorprende” que “parte das vítimas” critiquen tamén ao tempo “a xuíz e fiscal”. “Pódese criticar a unha parte pero non a todo o mundo”, dixo, para rematar insistindo en que o Goberno galego quere coñecer se tras o accidente hai algo máis que “o exceso de velocidade”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.