A Fiscalía do Estado advirte a xuíza arxentina que investiga o franquismo de que non pode cuestionar a transición española

A Fiscal Xeral do Estado, co ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, nunha imaxe de arquivo © Ministerio de Xustiza

"A transición foi vontade do pobo español". Con esta rotunda afirmación, a Fiscalía Xeral do Estado advirte á xuíza arxentina María Servini de que ela non é quen para cuestionar o proceso político que seguiu á ditadura de Franco. A mensaxe aparece nun escrito de Consuelo Madrigal ás fiscalías provinciais sobre como deben oporse ás declaracións de cargos franquistas e vítimas aos que investiga Servini e dos que a maxistrada solicitou a súa declaración en distintas sedes xudiciais españolas.

"Precisamente, porque a transición foi vontade do pobo español, articulada nunha lei, é polo que ningún xuíz ou tribunal, de ningún xeito, pode cuestionar a lexitimidade de tal proceso. Trátase dunha lei vixente (Lei de Amnistía) cuxa eventual derrogación correspondería, en exclusiva ao Parlamento", escribe Madrigal na súa orde, datada o pasado 30 de setembro e á que tivo acceso eldiario.es.

A xuíza Servini pretende interrogar a 19 cargos do franquismo, entre eles os exministros  Rodolfo Martín Vila e José Utrera Molina -sogro do ex- ministro de Xustiza do PP Alberto Ruiz-Gallardón- dentro da investigación que segue pola denuncia dun grupo de vítimas da ditadura. Para iso remitiu varias comisións rogatorias a distintos xulgados españois que fixeron saltar a alarma na Fiscalía Xeral.

A Fiscalía do Estado remitiu unha orde interna ás fiscalías provinciais sobre como deben oporse ás declaracións de cargos franquistas e vítimas no marco da querela iniciada polo galego Darío Rivas

Entre argumentos como que os delitos están prescritos ou que son delitos cometidos por españois contra españois, dos que só os tribunais locais serían competentes para investigar, a Fiscalía Xeral desliza unha serie de consideracións que transcenden o ámbito estritamente xurídico.

Así, na súa "orde interna" aos fiscais -segundo a cualificou un portavoz da Fiscalía Xeral do Estado-, Madrigal afirma que a Lei de Amnistía "foi unha consecuencia dunha clara e patente reivindicación das forzas ideoloxicamente contrarias ao franquismo" ás que foron incorporándose "outras posicións, de esquerda e de centro e, mesmo, de dereita".

A Lei de Amnistía, di Madrigal, "foi consecuenica dunha clara e patente reivindicación das forzas ideoloxicamente contrarias ao franquismo"

A defensa da Lei de Amnistía ocupa o apartado máis amplo do escrito de Madrigal. Asegura que foi froito da "reconciliación nacional" e a necesidade de que "non houbese dúas Españas enfrontadas". "Tal norma non contiña, como non podía ser doutro xeito, ningunha delimitación de bandos (...) A idea fundamental da transición, tan encomiada nacional e internacionalmente, foi a de obter unha reconciliación pacífica entre españois", escribe a fiscal xeral na súa orde para oporse á instrución que desenvolve a xuíza Servini.

Para apoiar a súa tese, Madrigal non dubida en acudir ao episodio de Paracuellos del Jarama durante a Guerra Civil. Aduce a fiscal xeral que a Lei de Amnistía serviu, por exemplo, para que a Audiencia Nacional rexeitase unha querela da Asociación de Familiares y Amigos de Víctimas del Genocidio de Paracuellos del Jarama.

Apela á Lei de Memoria Histórica

No punto sétimo, Consuelo Madrigal lembra que en España existe desde 2007 unha Lei de Memoria Histórica que, por outra banda, as vítimas do franquismo denuncian unha e outra vez que non se cumpre. Madrigal refírese a ela como "outros procedementos e actuacións" que buscan "o esclarecemento dos feitos", o "restablecemento da memoria histórica" e a "recuperación da dignidade".

A fiscal xeral española acusa a xuíza arxentina de perseguir intereses distintos á procura da xustiza. "O proceso penal seguido en Arxentina é un proceso inviable e, alleo, por tanto, ao interese da Xustiza", escribe Madrigal. Trátase, engade, de "unha causa xeral radicalmente incompatible co propio concepto de proceso penal e cos seus principios inspiradores".

A fiscal xeral española acusa a xuíza arxentina de perseguir intereses "alleos aos da Xustiza"

A fiscal xeral non perde a oportunidade para lembrar o que lle ocorreu a Baltasar Garzón por tentar investigar os crimes do franquismo desde a Audiencia Nacional, aínda que sen citalo. "Debe lembrarse que un proceso seguido en España similar ao que se segue en Arxentina motivou unha causa penal contra o Maxistrado Instrutor que, aínda que tras o xuízo oral foi absolto polo Tribunal Supremo, o foi porque a pesar de incorrerse en exceso na aplicación e interpretación das normas (...) non alcanzan a inxustiza da resolución que require o tipo de prevaricación e non merece reproche de arbitrariedade esixido na tipicidade do delito de prevaricación obxecto da acusación".

Madrigal chega a esta conclusión despois de desenvolver a prescrición dos delitos investigados. O tipo de crimes que se perseguen na causa convertéronse en imprescritibles na lei española en 2004 e, segundo o Tribunal Supremo, non se pode aplicar unha norma penal de forma retroactiva. Aínda cando os tratados internacionais asinados por España neguen a prescrición deses delitos, tales tratados non poden ser aplicados na xurisdición española de forma retroactiva de acordo á propia Constitución, engade.

Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo franquismo © FSGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.