Lugo insta a Xunta a demostrar a súa "solvencia" pagándolle os impostos en prazo

Orozco e a edil luguesa de Economía, Sonia Méndez © Concello de Lugo

O movemento demóstrase andando e a solvencia, pagando. Este podería ser un resumo da reclamación que vén de lanzar o Concello de Lugo con destino á Xunta. En tempos de penurias económicas un dos poucos gobernos locais do país con superávit -5,8 millóns de euros máis de ingresos que de gastos en 2011- reclama que non lle poñan pedras no camiño para seguir séndoo, especialmente á hora de cobrar impostos e se quen os debe pagar en tempo e forma é o Goberno galego. Despois de diversos contenciosos co Executivo de Alberto Núñez Feijóo nesta materia a concelleira de Economía do consistorio dirixido por Xosé López Orozco, Sonia Méndez, lémbralle á Xunta que un bo xeito de dar conta da súa dilixencia financeira é achegar cando procede os máis de 800.000 euros que lle corresponden polo imposto de bens inmobles (IBI).

A Xunta debe pagar en Lugo 330.000 euros do IGVS e 490.000 do IBI do hospital da cidade

Este mércores, di a socialista, "remata o período de pagamento voluntario" do IBI de 2012 e "se non pagan, vaise incrementar considerablemente a débeda que manteñen co Concello" departamentos da Xunta como o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ou o Servizo Galego de Saúde". "Todas as Administracións estamos a sufrir unha redución de ingresos", constata Méndez, se ben considera "triste" que o "maior problema" neste ámbito para o Concello de Lugo "o estea a ocasionar a Xunta, unha administración solvente, segundo di o seu presidente" e "non os cidadáns e as familias, que son os que máis están sufrindo a crise".

Nomeadamente o IGVS ten pendentes de pagamento en Lugo recibos do IBI por 330.000 euros, mentres que o Sergas, detalla a edil, debe pagar 490.000 euros polo novo hospital da cidade. Ademais, salienta, ás contas pendentes da Xunta goberno local cómpre engadir uns 90.000 euros máis que "adebedan outras consellerías", "principalmente polo impagamento do imposto de vehículos".

Recorte en programas de emprego

A edil luguesa de Economía reclamaba o cumprimento das obrigas tributarias por parte da Xunta nun contexto no que, di, os concellos teñen máis dificultades para desenvolver o seu labor precisamente polos "recortes" do propio Goberno galego, o último, o inserido na "orde da Consellería de Traballo que reduce case nun 75% o orzamento para programas de cooperación cos concellos", fondos que se destinan a realizar programas dirixidos a persoas en situación de desemprego. "Cando máis se necesitan programas de emprego", o departamento que dirixe Beatriz Mato "vén de reducir a 12,3 millóns" o orzamento deste plan, o que equivale a unha tesoirada "do 75%", di.

Este recorte, lamenta Méndez, "supón reducir á mínima expresión" unhas accións formativas e laborais máis necesarias "nun momento con taxas de paro tan altas, no que máis se necesitan incentivos á contratación de persoal", que é o mesmo que dicir "ao crecemento económico de Galicia", argumenta. Neste sentido lembra que, por exemplo, o Concello de Lugo solicitou 1,2 millóns de euros destes programas para "contratar 54 traballadores para distintos labores sociais, asesoramento de emprendedores, desbroces ou salvamento acuático", nun contexto no que o propio presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e tamén alcalde popular de Ferrol, José Manuel Rey, "lle enviou unha carta á conselleira de Traballo" na que "se facía eco da inquiedanza dun numeroso grupo de concellos" pola tardanza e redución destas achegas económicas.

Orozco e a edil luguesa de Economía, Sonia Méndez © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.