0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois piden máis imputacións tras ratificarse que Adif non analizou o risco da curva

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Logo da ratificación este martes por parte de dous peritos de que Adif non analizou o risco “concretamente existente na curva” de Angrois, como pediu investigar a Audiencia da Coruña ao reabrir o caso, vítimas do sinistro reclaman que o xuíz instrutor amplíe as imputacións máis alá do maquinista. O condutor, Francisco José Garzón, segue a ser o único imputado polo accidente, que provocou 80 mortos e 144 feridos, ao non frear a tempo despistado logo de recibir unha chamada do interventor e co sistema de control constante da velocidade que podía ter evitado o sinistro desconectado por Adif desde un ano antes.

Este martes os peritos que compareceron no xulgado, un catedrático experto en cálculo de riscos e dous enxeñeiros designados pola aseguradora de Renfe, QBE, ratificaron no xulgado que Adif non analizou o risco concreto dun exceso de velocidade na curva de Angrois. Porén, mentres os peritos de QBE aseguraron que iso supuxo incumprir normas europeas de seguridade ferroviaria, o catedrático non foi quen de indicar claramente, segundo varias fontes presentes, se Adif actuou ou non de acordo co que marcaba a normativa.

Logo desas comparecencias, Teresa Gómez-Limón, ex-deputada do PP na Comunidad de Madrid e portavoz da plataforma de vítimas, asegurou que estas séntense “desamparadas” e dixo considerar “asombroso que sigan sen imputar máis que ao maquinista”. Gómez-Limón tamén considerou “lamentable” a actitude da Avogacía do Estado en defensa de Adif e amosou a súa esperanza en que cargos desa empresa pública xestora das vías sexan agora imputados para poder coñecer mellor como se tomou a decisión de “exportar” ao maquinista toda a responsabilidade de controlar a velocidade do tren.

O fiscal estuda agora a posibilidade de chamar a declarar a empresas que participaron no deseño do AVE Santiago-Ourense, que foi validado por Adif

Por outra banda, o fiscal do caso, Antonio Roma, segundo avanzou este mércores La Voz de Galicia e confirma Europa Press, estuda agora a posibilidade de chamar a declarar a responsables das empresas que participaron nesas análises de riscos que non detectaron o perigo existente na curva de Angrois. Porén, todo o proceso foi validado posteriormente por Adif, empresa pública contra a que o fiscal vén opoñéndose ata o de agora a realizar ningunha imputación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.