O descarrilamento de Boqueixón de febreiro de 2015 debeuse a un despiste admitido por quen dirixía a manobra

O tren descarrilado en febreiro de 2015 na estación da Susana, preto de Santiago Dominio Público CIAF

O 9 de febreiro de 2015, pouco antes das nove da mañá, un tren de mercadorías que estaba realizando manobras de enganche de vagóns chocou contra un tope de final de vía na estación da Susana, en Boqueixón, preto de Santiago, provocando o descarrilamento de tres vagóns pero sen danos persoais. O accidente, segundo conclúe agora a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), debeuse a un despiste do operario que dirixía a manobra, admitido por el mesmo, que non comprobou que a agulla de desvío pola que tiña que pasar o tren estaba orientada cara ese tope e non cara a vía libre que debía empregar.

A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non emitiu ningunha recomendación máis alá da reciclaxe formativa do operario

A investigación do accidente da Susana foi rematada pola CIAF con data do 27 de setembro e vén de facerse pública esta semana. O relato do sucedido indica que “o accidente produciuse por fallo humano, do auxiliar de operacións do tren, ao non establecer correctamente o itinerario da manobra e non comprobar a correcta disposición da posición das agullas do mesmo, antes de ordenar o movemento” do convoi. Segundo o informe da CIAF, o operario, da empresa Logirail, “na súa declaración, recoñece que realizou incorrectamente o itinerario” do tren e encarreirouno cara o tope, en vez de cara unha vía libre, sen que o maquinista puidese facer máis que frear no último momento sen chegar a impedir o choque.

O accidente obrigou a cortar o tráfico da liña ferroviaria convencional entre Ourense e Santiago durante algo máis dun día, afectando a un total de catro trens de pasaxeiros e sete de mercadorías. Os danos orixinados nos tres vagóns que descarrilaron valoráronse en 93.000 euros. O operario en cuestión, que levaba dous anos traballando na estación da Susana, foi suspendido durante un mes, período no que realizou a reciclaxe e formación obrigatoria antes de volver obter os permisos necesarios para continuar co seu traballo. Adoptada esa medida, e sen atopar ningunha outra causa subxacente distinta do erro humano, a CIAF non emitiu ningunha recomendación de mellora. No seu informe, a comisión indica que “se produciron nos últimos anos tres sucesos nesta estación de menor consideración”, sen detallar nada máis.

Cando analizou o accidente de Angrois a CIAF non era independente, pero foi reformada por Fomento e agora a UE xa si a considera como tal

A CIAF está no centro da polémica desde o accidente de tren de Angrois do 24 de xullo de 2013, do que concluíu que foi responsabilidade exclusiva do maquinista por despistarse logo de recibir unha chamada do interventor do tren. Tanto a Audiencia Provincial da Coruña como a Axencia Ferroviaria Europea constataron que, cando analizou o accidente de Angrois, a CIAF non era independente xa que os seus membros eran nomeados directamente polo Ministerio de Fomento. Porén, a UE considera que coas reformas introducidas desde aquela por Fomento na súa composición, co nomeamento dos seus membros polo Congreso, a CIAF hoxe xa si pode ser considerada independente.

O accidente na estación da Susana, preto de Santiago, en febreiro de 2015 causou danos en tres vagóns pero sen feridos Dominio Público CIAF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.