A Xunta tarda nove anos en rematar o acceso ao porto de Burela, dun quilómetro de lonxitude

A conselleira Ethel Vázquez visitando este mércores os traballos finais da vía Dominio Público Xunta de Galicia

O 21 de novembro de 2007 a daquela conselleira de Política Territorial, María José Caride, colocaba a primeira pedra dun novo acceso viario ao porto de Burela que evitaría o paso de camións polo centro da localidade. Nove anos despois, a Xunta á fin é quen de rematar esa estrada de tan só 1,26 quilómetros e que requiriu dun investimento de preto de oito millóns de euros. A actual conselleira en funcións de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou este mércores a obra, da que dixo que está ao 95% de execución e na que xa se está comezando a asfaltar co obxectivo de que entre en servizo en novembro. Polo camiño, case todo o que podía saír mal, saíu.

A obra, duns 8 millóns de euros, viuse afectada por todo tipo de contratempos, desde unha paralización xudicial dos traballos iniciados polo bipartito ata inestabilidade do terreo

O acceso ao porto de Burela licitouse en xaneiro de 2007, adxudicouse en xuño e en novembro daquel ano iniciáronse os traballos co obxectivo de que estivesen rematados nun ano. Porén, pouco despois un xulgado decretaba a paralización cautelar das obras logo dunha denuncia veciñal porque o proxecto non se axustaba ao previsto nas normas urbanísticas municipais. A Xunta retomou os traballos a principios de 2009 pero a xustiza acabou anulando a súa tramitación.

En marzo de 2011, xa con Agustín Hernández como conselleiro, o Goberno galego reformulou o proxecto, pero non volveu a sacar a concurso público as súas obras ata tres anos despois, en maio de 2014. Ademais, durante todo o proceso foron aparecendo imprevistos técnicos derivados da inestabilidade do terreo que obrigaron tamén a desviar lixeiramente a vía de FEVE que atravesa a zona, o que obrigou a agardar polo permiso necesario de Adif. Nove anos despois da primeira pedra e vinte máis tarde de que se comezara a planificar a necesidade dunha vía que liberase Burela do tráfico pesado, esta parece chegar á fin ao seu  porto.

Plano do novo acceso ao porto de Burela, de 1,26 quilómetros Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.