0 Gardados para despois

Angrois terá á fin autobús cinco anos despois de ver o AVE pasar

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O AVE pasa polo barrio compostelán de Angrois desde a inauguración da liña Ourense-Santiago o 10 de decembro de 2011. Porén, non será ata dentro duns meses que a veciñanza desta zona da periferia da capital de Galicia poida á fin contar con transporte público, co seu longamente reclamado autobús urbano. Entre mentres, o 24 de xullo de 2013 un Alvia descarrilou ás portas das súas casas deixando 80 mortos e 144 feridos. Os veciños de Angrois botáronse ás vías para axudar e convertéronse nese momento en heroes polo peor dos prexuízos que levan sufrido nun barrio acosado desde hai anos polas infraestruturas sen poder beneficiarse ata o de agora do transporte público.

O barrio compostelán no que en 2013 descarrilou o Alvia, acosado polas infraestruturas, acadará nuns meses a súa vella reivindicación de contar cunha parada de transporte público

Nos anos 50 Angrois era atravesado pola primeira liña ferroviaria Ourense-Santiago. Nos 80 esta era cruzada de xeito transversal pola autoestrada AP-9 no seu treito de circunvalación de Santiago. Na primeira década deste século viron como a liña única do ferrocarril convencional se triplicaba para dar cabida ao seu lado á vía dobre do novo AVE Ourense-Santiago, coméndose boa parte do espazo público no que o barrio celebraba as súas festas, alí onde acabou estrelado o Alvia. E agora aínda están a sufrir as obras en marcha de ampliación da AP-9.

Para cando en 2013 os veciños de Angrois se converteron en heroes, xa levaban anos reclamando ao Concello a modificación dalgunha das liñas de autobús urbano para non ter que desprazarse a pé entre 600 e mil metros ata algunha das paradas máis próximas. Ao converterse en heroes, distintas administracións comezaron a concederlles o que viñan pedindo (un simple parque infantil, que aínda así tardaron tres anos en lograr) e mesmo o que nin se lles ocorrera (unha pista polideportiva e unha área de descanso para os peregrinos do camiño da Ruta da Plata a Santiago que por alí pasa). Pero o transporte público tivo que seguir agardando.

Aínda está pendente de definirse a modalidade do autobús, se será a través da extensión dalgunha liña regular ou a través da nova modalidade de transporte a demanda

O barrio, en partes aldea, ten rúas estreitas, pero ese non é un problema para os autobuses do transporte escolar que si chegan ata o seu centro. A dificultade para o transporte urbano era económica, segundo se lles viña argumentando aos veciños ata o de agora desde o Concello. Porén, o próximo mes de febreiro a actual concesión de transporte urbano chega ao seu remate e o actual goberno local, de Compostela Aberta, está reformulando as liñas de todo o termo municipal antes de volver a sacar a concurso o servizo. Nese proceso, esta semana o concelleiro responsable da área, Jorge Duarte, reuniuse cos veciños de Angrois e avanzoulles que á fin terán transporte público. Aínda está pendente de definirse a modalidade do mesmo, se será a través da extensión dalgunha liña de transporte regular ou a través dunha nova modalidade de transporte a demanda, que acuda cando os veciños o soliciten. Pero Angrois deixará de ver pasar pola porta o transporte público sen poder subirse nel.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Villares revela que Leiceaga recúa e oponse a unha investigación política do accidente

O portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares, revela nunha entrevista publicada este sábado por Europa Press na súa web que o grupo do PSdeG que encabeza Xoaquín Fernández Leiceaga lle fixo ver a súa negativa a apoiar unha investigación política do accidente de Angrois na Cámara galega. Esta lexislatura será a primeira na que a oposición poida impulsar unha comisión de investigación parlamentaria aínda que se opoña a maioría absoluta que sustenta o goberno. Pero para iso teñen que estar de acordo os tres grupos: En Marea e BNG, que veñen reclamando esa investigación política sobre Angrois, e PSdeG. Villares di que, tras sondar aos socialistas, non será posible e avoga por buscar outras vías para coñecer a verdade sobre o accidente.

Tanto o PSOE como o PSdeG viñan negándose a apoiar esa investigación de tipo político argumentando que xa se fixera unha investigación técnica e que está aínda en marcha a xudicial. O temor sempre foi que ex-ministro socialista José Blanco, quen inaugurou a liña de AVE Ourense-Santiago en decembro de 2011, puidese verse afectado. Porén, nos últimos meses o PSdeG iniciara un lixeiro cambio nas súas posturas.

A maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia, suficiente para rexeitar por si só as sucesivas peticións de investigacións políticas formuladas por AGE e BNG, permitíalle aos socialistas absterse, pero mantendo no fondo unha postura contraria que si viña evidenciando claramente en Madrid votando en contra no Congreso. Porén, en xuño, logo de coñecerse as fortes críticas da Axencia Ferroviaria Europea á investigación oficial realizada polo Ministerio de Fomento, o PSdeG pasou a defender a necesidade dunha nova análise técnica. Sobre a investigación política o seu argumento seguiu a ser que o Congreso era o lugar máis axeitado e que segue aberta a instrución xudicial.

Pero na pasada campaña electoral, preguntado pola cuestión nunha entrevista con Praza.gal, Leiceaga dixo que lle gustaría que “este tema se resolvese onde hai competencias, que é no Congreso, pero se isto se formula no Parlamento, nós debemos facer unha reflexión na nova lexislatura sobre a nosa posición”. Agora, de confirmarse a revelación de Villares a Europa Press, esa “reflexión” quedaría en nada.