Ultiman a homenaxe a Camilo Nogueira: "Político honesto, patrimonio do país"

Membros da comisión promotora da homenaxe a Camilo Nogueira, este xoves en Santiago Dominio Público Comisión promotora da homenaxe

Será o vindeiro 11 de novembro cando se celebre un acto de homenaxe a Camilo Nogueira. No Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela a partir das 19 horas, estará conducido por Fernanda Tabarés, Manuel Rivas e Suso de Toro. Actuarán Uxía e os grupo Tundal e Pardal na rúa e intervirán Pencha Santasmarinas, Ana Gandón e Ana Miranda. Ademais, está xa confirmada a presenza dos voceiros e voceira dos catro grupos parlamentarios do Parlamento galego: Pedro Puy, Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón.

"Estamos necesitados de referentes políticos, ou máis ben de chamar a atención sobre os que temos, porque os temos, e Camilo é un dos grandes", explica a comisión promotora da homenaxe, que prevé un acto "breve pero emotivo" e que este mesmo xoves presentou esa homenaxe na que está confirmada a asistencia xa de máis de 700 persoas para recoñecer a figura de quen fora voceiro do BNG no Parlamento Europeo.

"Camilo é un patrimonio deste noso país e fillo das súas mellores tradicións. Enraizado pola súa orixe familiar no galeguismo republicano vigués encarna tamén as novas xeracións que retoman e refundan o nacionalismo galego desde a esquerda nos anos sesenta e setenta", engade a comisión promotora da que forman parte, entre outros, Lourenzo Fernández Prieto, Moncho Yáñez, Manuel Reboiras, Joám Lopes Facal, Suso de Toro, Víctor Vázquez Portomeñe, Tuco Cerviño ou Ricardo Gurriarán. 

A comisión promotora ten confirmada a presenza de representantes dos catro grupos parlamentarios

"Despois dunha traxectoria tan longa, é momento de recoñecerllo e non só de antigos camaradas ou compañeiros, senón de todos, de todo o país", engaden os organizadores, que lembran que Camilo Nogueira "é un doso pais do Estatuto de Galicia, unha icona do que hoxe temos construído en forma de goberno e de Parlamento, un dos grandes creadores das institucións que temos". "Entre moitas outras cousas", engaden. 

A homenaxe a Camilo Nogueira terá lugar o vindeiro 11 de novembro en Compostela

É, segundo lembra a comisión promotora, un recoñecemento a un político "xusto cando hai un descrédito da política". "A política democrática precisa de políticos e o exemplo de Camilo é un exemplo dun político entregado ao seu país e ás súas ideas e un político absolutamente honesto", asegura, antes de lembrar que "puido ser un enxeñeiro dirixente na Citroën pero elixiu outro camiño de servizo público". 

"Camilo é un exemplo de político honesto, entregado ao seu país e ás súas ideas"

"Actuando e pensando sempre desde esa corrente histórica do nacionalismo e da esquerda, o seu pensamento político, económico e social é unha achega fundamental ao conxunto do galeguismo e da nación galega", aseguran uns organizadores que advirten tamén do importante referente que Nogueira supuxo tamén no sindicalismo ou no mundo cultural. "Foi un dos que pagou do seu peto aqueles adhesivos que pedían "galego na escola xa" e que encheron coches de toda Galicia"

Compañeiros, amigos, políticos de diferente ideoloxía... Todos lembrarán unha figura que é gabada desde a dereita e a esquerda, dende forzas nacionalistas e dende outras opcións ideolóxicas. E que é recoñecida coma poucos como un dos referentes da Galicia moderna. Non hai moito, o premio Trasalba recoñecíalle "toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural".  

Camilo Nogueira, no hemiciclo da antiga sede do Parlamento, no Pazo de Fonseca © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.