Aymerich: "Xente que nun primeiro impulso marchou do BNG está collendo o camiño de volta"

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

"No BNG hai un clima diferente". Apenas dúas semanas despois de botar a andar Abrente-Esquerda Democrática Galega, o novo colectivo interno do Bloque, comeza a estruturarse e a presentarse por diversas comarcas do país cunha mensaxe fundamental: na organización frontista segue a haber lugar para a "pluralidade" e pode ter un carácter "unitario", se ben "non depende só de nós". Quen realiza estas reflexións é o líder da nova corrente, o deputado Carlos Aymerich, que este xoves amosaba en Santiago os trazos básicos da súa opción de "seguir defendendo aquilo polo que levamos traballando moitos naos" e facelo "dentro do BNG", en contraste coas persoas que decidiron marchar, entre eles unha parte significativa de Máis Galiza, a noutrora corrente encabezada polo propio Aymerich, actualmente constituída en partido e integrada na plataforma Compromiso por Galicia.

"O PP sabe que vai baixar en votos e está tentando que en torno ao 10% quede sen representación no Parlamento"

Dende o "máximo respecto" ao que suceda fóra o parlamentario explica que os militantes nacionalistas que forman abrente "viron que o país está por diante" e que o "fundamental é construír unha alternativa ao PP". Ao seu xuízo, os proxectos que agromaron á marxe do Bloque non rematan de "callar" e mesmo "xente que nun primeiro momento", nun "impulso" tras a Asemblea Nacional de Amio, "marchou fóra" agora "está a coller o camiño de volta", entre outros motivos porque "dividir o voto beneficia ao PP", mantén.

Nun contexto no que, ao seu xuízo, cada vez cunde máis na sociedade a idea de que "Feijóo é un presidente pésimo e o seu goberno, unha auténtica calamidade", a cidadanía "está farta de que se lle estea a falar de se estamos cómodos nun sitio ou noutro". "A xente quere que lle digan que propostas temos para resolver esta situación" e ese sentimento, asegura, é posible "convertelo nunha corrente de apoio positivo ao BNG". "Se somos capaces de facelo, o cambio é posíbel", subliña. "O PP sabe que vai baixar en votos e o que está tentando que en torno a un 10% dos votos" quede "sen representación" no Parlamento, para así "manter a maioría". "Iso é o que se está a xogar" e "depende de que nós fagamos as cousas ben", pero tamén "de como actúen os demais actores", ilustra.

Así as cousas, Aymerich sinala que dende Abrente se traballará para que o BNG "presente unha alternativa coherente", demostrando que "é unha opción política con futuro e percorrido" na que segue habendo a posibilidade de "entender" o seu proxecto dende ópticas "distintas". Cómpre ademais "facelo con eficacia e incidencia social", di, porque "calquera política transformadora que non teña unha práctica social por tras, non serve para moito". "Ten que haber debate político e ideolóxico, porque somos diversos", pero "sempre guiado pola unidade", conclúe. Neste sentido, o deputado amósase convencido de que o Bloque "está avanzando" tanto "nas súas propostas" como "na forma de presentalas". Nese ámbito enmarca, por exemplo, a convención nacional celebrada pola formación o pasado maio, un acto que coida que espallou un influxo "moi positivo", "a nivel nacional e nas comarcas".

Aymerich intervén ante a Asemblea Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.