O PP cre que pedir seleccións internacionais é "converter Galicia en Sudán do Sur"

Formación da selección galega, en decembro de 2005 CC-BY-SA Xunta - Tirada de Vieiros.com

Do "circo identitario" con "nulo valor deportivo" aos paralelismos co estado máis novo de África. A retirada de apoio e os impedimentos aos partidos amigables das seleccións galegas, especialmente a de fútbol, foi unha das primeiras decisións do actual Goberno da Xunta, reafirmada na práctica coa nova Lei do Deporte. Este xoves o debate sobre os combinados deportivos volveu ao Parlamento da man do BNG que, apoiándose na recente sentenza do Tribunal Constitucional que avalou a participación de Catalunya en torneos internacionais sempre que non se enfronte a España, apostou polo mesmo tratamento para Galicia. O parlamentario nacionalista encargado de defender a proposta, Alfredo Suárez Canal, atopouse cunha especial dureza na banda do PP que, ademais de rexeitar a iniciativa cos seus votos, se adentrou no terreo da especulación á hora de analizar as, ao seu xuízo, intencións do Bloque nesta materia.

Para a deputada conservadora María Seoane entre a Lei do Deporte de Galicia e a sentenza do TC non hai diferenza ningunha a non ser que se realice unha "lectura nesgada" do ditame do alto tribunal. Isto é precisamente o que fai o BNG, acusa, que dende o seu punto de vista ve a resolución xudicial como "unha porta aberta" non a que a selección galega xogue competicións oficiais, senón  "ao seu afán de converter a nosa terra no Sudán do Sur", Estado independente dende 2009.

Segundo Seoane o Constitucional só encaixa a participación internacional das federacións deportivas vascas e catalás cando "se trate de deportes nos que non exsiten federacións españolas" e sempre que "en ningún caso se impidan ou perturben as competencias do Estado" en materia de "coordinación e representación internacional do deporte español". Segundo Seoane o Bloque, pero tamén o PSdeG -que se abstivo na votación- debe "deixar de facer política co deporte" para impulsar a "política deportiva".

O argumentario da popular contrastou co de Suárez Canal, para quen o salto das seleccións galegas ao ámbito interancional "non debería ter ningún tipo de impedimento", como "xa ocorre noutros estados". "Todo o mundo recoñece", mesmo o Tribunal Constitucional, di, que "as federacións internacionais deportivas teñen carácter netamente privado" e por iso, coida, "son dificilmente entendibles as iniciativas do Goberno do Estado" para "impedir a presenza das federacións depoertivas das nacionalidades históricas". Ademais, lembra o BNG, o propio Estatuto de Autonomía lle outorga á Xunta competencia exclusiva no ámbito deportivo, polo que debería promover que o país estea representado directamente nas federacións internacionais.

En opinión de Seoane o Executivo de Alberto Núñez Feijóo xa realiza unha "defensa" axeitada "da súa competencia exclusiva no ámbito do deporte" e mostra disto, asegura, é a propia lei, "que recolle perfectamente como un dos principios xerais de actuación da administración a promoción e difusión do deporte galego nos ámbitos supraautonómicos, así como a participación das seleccións galegas nos mesmos".

María Seoane, deputada do PP © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.