Compromiso chama a non poñerlle "muros" a unha forza "en construción"

Inma López Silva, Xoán Bascuas, Xulia Guntín e Manuel Dios CC-BY-SA Merixo

"Somos campións do mundo en construír muros e valados". Compromiso por Galicia (CxG) tiña este xoves unha cita cun aquel de termómetro. Tras a celebración de diversos actos en varios puntos do país a plataforma que agrupa a Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista convocou a súa presentación en Santiago, un acto cun certo carácter simbólico con ingredientes de reto práctico, o de encher o amplo salón do histórico hotel Compostela no que convocaron os seus simpatizantes, e inserido, dun xeito ou doutro, na atmosfera política creada polas declaracións lanzadas vinte e catro horas antes polo portavoz nacional do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, quen se amosou convencido de que o Novo Proxecto Común (NPC) poden chegar a "confluír".

Manuel Dios: "Non imos mercar unha casa feita, trátase de poñer os piares dun proxecto que construímos por baixo, por riba, arredor e en rede"

O reto de completar o aforo completouse minutos antes do inicio do acto, cando xa se encheran as en torno a duascentas cadeiras previstas en torno ás cales mesmo se situaban diversas persoas en pé. Este foi o escenario no que unha muller inédita ata o momento na escena política galega, a escritora Inma López Silva, explicaba o proxecto de CxG como o do "galeguismo posíbel". A nova forza, di, nace "con vocación de goberno" e do "ben común" para que a política "sirva os cidadáns". Tras López Silva foi Manuel Dios (Espazo Ecosocialista) o primeiro en abordar o estado da cuestión, dun "novo referente político" que "está en construción". "Non imos mercar unha casa feita, trátase de poñer os piares dun proxecto que estamos construíndo por baixo, por riba, arredor... en rede", reflexiona. Ao seu xuízo en CxG teñen cabida "todas as persoas de ben que teñen interese por participar democrática e abertamente para resolver os problemas que padece a cidadanía galega". E iso, di, non "poder ser construído só dunha única maneira".

"Estamos fartos de marcos fixos, de aquí para a eternidade", reflexiona Dios, quen sinala que as forzas que botaron a andar CxG "compartimos as necesidades dun novo proxecto plural, baseado no "galeguismo político, no soberanismo cívico, na esquerda renovadora". "Nestes marcos diversos e plurais nos atopamos perfectamente cómodas as forzas que formamos Compromiso por Galicia", asegura, nun contexto no que "non aceptamos o cualificativo de escindidos do BNG", entre outras cousas, di, "porque no meu caso e no de moitos, non é verdade".

Xulia Guntín chama a "mobilizar e xerar unha maior adhesión para conseguir a soberanía nacional de Galiza"

Aos "valores da esquerda renovadora" como fío condutor de CxG referiuse tamén Xulia Guntín (+G), para quen o obxectivo dunha nova forza política debe ser "construír un proxecto propio" para "mobilizar e xerar unha maior adhesión para conseguir a soberanía nacional de Galiza", comezando por "superar o marco que se xerou na Transición" cunha "nova configuración do Estado español". Dende esa óptica, di, CxG comprométese a "contribuír a afrontar a desafección política" sen "falar de que teñamos que traer a democracia a este país" xa que "formalmente non é certo". "Falamos de que os valores democráticos impregnen a toda a sociedade", apostando, por exemplo, por que "os programas políticos non sexan papel mollado".

Nun sentido semellante se expresou o secretario xeral de Máis Galiza, Xoán Bascuas, seguro da posibilidade de "construír poder galego" no medio da crise. "Recuperemos a dignidade como persoas, como cidadáns do mundo e do noso país", di Bascuas, que sitúa as coordenadas da nova forza política "dende o centro galeguista ata a esquerda máis renovadora e que defende os niveis de autogoberno máis elevados". "Todos podemos coller nun proxecto de amplio espectro" sen "liderar ningunha nación ensoñada" nin "ir por aí rifándolle á xente dicíndolles o pouco galegos que son".

Incorporación de Unidade da Esquerda Galega

Bascuas sinala que a "porta" á confluencia co NPC "xa a tiñamos aberta e segue aberta"

Unha certa ampliación dese espectro producíase horas antes en Vigo, onde o propio Bascuas presentaba a incorporación a Compromiso de Unidade da Esquerda Galega, unha formación xurdida en 1994 da confluencia de militantes dos antigos Partido Obreiro Galego, Esquerda Galega e Unidade Galega e reactivada hai poucos meses, cando catorce militantes do PSdeG de Vigo decidiron abandonar a formación por "diferenzas substanciais de proxecto".

O secretario xeral de Unidade, Óscar Lomba, coida que CxG "recolle os intereses reais da cidadanía" e por iso, di, achegan ao proxecto a súa "vontade de sumar" e co obxectivo fundamental de contribuír ao xurdimento "dunha nova forza moderna, de esquerdas e transformadora". Neste contexto Bascuas sinala tamén, ao ser cuestionado polas verbas de Beiras, que CxG  ten realizado "diversos chamados para realizar unha proposta político-electoral conxunta" e que "esa porta, que nós xa tiñamos aberta, segue aberta". Neste sentido, o secretario xeral de +G non ve "novidoso" o escenario político aberto tras a declaración do líder do EI, se ben valora o "xesto" do histórico nacionalista de cara a unha posible confluencia.

Asistentes á presentación en Compostela CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.