0 Gardados para despois

O BNG paga en céntimos nas peaxes da AP-9 para esixir a aprobación do traspaso a Galicia

Redacción | @prazapublica

A metafórica "navallada" coa que o realizador Llorenç Soler ilustrou no seu documental de 1977 o movemento de oposición á construción da Autoestrada do Atlántico, asumida neses anos como lema por diversas entidades políticas e sociais, atinxe agora ás carteiras de quen circula pola propia AP-9. A portavoz nacional do BNG recuperou este sábado a metáfora -que o presidente da Xunta atribuíu o pasado mércores ao propio Bloque, fundado en 1982- para resumir os motivos da mobilización na que militantes e cargos da formación soberanista abonaron en céntimos o prezo das peaxes en diferentes treitos da vía, formando ringleiras de coches co obxectivo de esixir o desbloqueo da lei do traspaso da autoestrada á Xunta e, adicionalmente, o rescate da concesión.

Contra as 11 da mañá deste sábado as persoas que responderon ao chamado do Bloque accederon á autoestrada en diferentes puntos. Pontón fíxoo nas inmediacións de Santiago, na área de portaxe que dá acceso á capital polo sur. Alí, mentres Audasa impedía que os medios de comunicación tomasen imaxes -as difundidas foron tomadas por membros do BNG-, abonou céntimo a céntimo o prezo da "estafa legal" na que, acusa, tornou a peaxe da principal arteria de comunicación terrestre do país.

Estes pagamentos -Audasa recada uns 130 millóns de euros ao ano- son segundo Pontón a mellor resposta á pregunta que o presidente da Xunta lle formulou no Parlamento. "Preguntábanos Feijóo de onde iamos sacar os cartos para rescatar a AP-9, pois exactamenta do mesmo lugar de onde os vai sacar o PP para rescatar as autoestradas madrileñas", dixo. Non obstante, di, a pregunta que realmente é urxente responder e "que vai facer o señor Feijóo ante o intento de Rajoy de vetar o debate da lei aprobada por unanimidade para reclamar a transferencia", bloqueo que o Goberno de España sustenta nun informe con cálculos erróneos.

Pontón: "Que vai facer o señor Feijóo ante o intento de Rajoy de vetar o debate da lei aprobada por unanimidade no Parlamento?"

"Hai que loitar polas causas que se consideran xustas para poder conseguilas, por iso é importante que haxa presión política e social" que apoie o "acordo unánime" da Cámara, di Pontón, quen asegura estar "coa man tendida" para a conformación dun "acordo de país" en defensa do traspaso. Mentres, di, a obriga do presidente é "defender o acordo" da Cámara "ante o intento de división e ruptura da unidade que quere provocar o PP co seu veto". "Non cabe asumir que non hai nada que facer", asegura.

Cifras como a recadación por portaxes ou os beneficios anuais de Audasa son, segundo a dirixente nacionalista, a mellor mostra da "navallada" económica que supón a AP-9 para Galicia. É por iso, afirma, que o BNG "seguirá coa súa campaña e co traballo político nas institución se na rúa para acadar unha AP-9 galega e libre de peaxes".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.