Toda a oposición pide "explicacións" polos agasallos de Monbus a Feijóo, que se declara "tranquilo"

Feijóo e Raúl López, nunha recepción na Xunta ao CAB Obradoiro, que preside o empresario © Xunta

"Explicacións". É a solicitude que os tres grupos da oposición parlamentaria dirixen ao presidente da Xunta tras a publicación dos informes que, no marco da Operación Cóndor que instrúe o xulgado número 1 de Lugo, recollen unha listaxe dun cento de políticos, técnicos e militares aos que o propietario da empresa Monbus, Raúl López, remitiu durante anos botellas de viños de luxo por un montante próximo a medio millón de euros. A "transparencia", din En Marea, PSdeG e BNG, é a mellor receita fronte a unhas revelacións ante as que o propio presidente se declara "tranquilo", toda vez que non ve nelas máis ca unha "filtración parcial" que acabará "quedando en nada".

"Non temos máis información que o publicado nalgún medio", di Feijóo, en referencia á "lista, parece ser de máis de cen persoas que supostamente recibiron viño polo Nadal". Como avanzou Praza.gal, dende a contorna do xefe do Executivo non se nega que eses envíos de arredor de 2.300 euros chegasen ao seu destino, se ben enmárcanse dentro da cortesía institucional e non se entra a valorar o seu importe. Sublíñase, ademais, que Raúl López chegou a declararse decepcionado por non ser recibido por Feijóo. En calquera caso, agregaba Feijóo este luns ante a prensa, "vendo que este tipo de cuestións" de cortesía "empezaban a ter distintas interpretacións", di o líder popular, "aprobamos un código ético".

Feijóo declárase "absolutamente tranquilo" ante as "filtracións parciais" dos agasallos enviados polo presidente de Monbus

As verbas de Feijóo ante os medios non son explicación dabondo para os grupos da oposición. "Non se trata simplemente dun asunto dunhas botellas de viño ou dun agasallo de máis ou menos entidade", afirma o voceiro de En Marea, Luís Villares, que ve nas revelacións do caso Cóndor algo "máis complexo que merece unha explicación por parte dos membros do goberno". Cómpre ter en conta, di, que Monbus foi a compañía máis beneficiada pola prórroga das concesións de autobuses aprobada polo PP ao retornar á Xunta e anulada xudicialmente o pasado marzo por incumprir a normativa europea. Trátase, resalta Villares, "de agasallos constantes por parte da principal adxudicataria a cargos públicos que interviñeron na tramitación da lei e nas decisións administrativas da renovación das onccesións".

A xuízo do voceiro de En Marea os obsequios anotados nos informes de Vigilancia Aduanera -corpo empregado pola xuíza Pilar de Lara como policía xudicial- exceden notoriamente do ámbito da cortesía institucional. Estas atencións, sinala, poden ser "normais" no ámbito da "relación comercial", pero "entre particulares e administracións públicas" a adxudicación ou non de contratos "non debería depender da boa ou mala relación entre o contratista e o poder público.

Ana Pontón: "Se estivo recibindo viño de alta gama regalado por un empresario incumpriu a lei de transparencia"

A petición de explicacións lánzaa tamén o PSdeG a través da presidenta da súa xestora, Pilar Cancela. "Que sexa transparente e clarifique", di a socialista, xa que o "respecto aos tempos da xusitza" non impide a "explicación pública", máis aínda cando "hai outras persoas que non están aforadas e están sendo imputadas por situacións semellantes". "Cando un predica a transparencia e a exemplaridade, o primeiro que ten que ser transparente é quen nos preside", conclúe.

Transparencia, precisamente, é o que non observa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pero a regulada por lei. Nos anos en que, segundo os informes do sumario, Raúl López remitiu botellas de Vega Sicilia a Feijóo xa estaba en vigor a lei de transparencia aprobada polo bipartito en 2006 que, sen especificar contías, xa prohibía que os cargos do goberno recibisen "regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía". "Se el estivo recibindo viño de alta gama na súa casa regalado por un empresario, e el non o desmentiu, incumpriu a lei de transparencia", di a nacionalista, quen agrega ademais que "a entrega de Vega Sicilia non forma parte da cortesía nin dos usos habituais", cando menos "non no que eu coñezo na miña vida. "Pedímoslle rigor e explicacións", advirte.

Luís Villares, Pilar Cancela e Ana Póntón CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.