O PP galego pide "valorar" que se "limite" a información sobre violencia machista nos medios

Acción contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

"Limitar" a información sobre os casos de violencia machista, especialmente sobre os asasinatos. É o debate que o PPdeG vén de propoñer "valorar". Fíxoo a través da súa voceira en materia de xustiza, a deputada Paula Prado, no marco da comparecencia do fiscal superior de Galicia ante o Parlamento. A proposta, afirma Prado, "susténtase nunha cuestión que vimos detectando nos últimos tempos", que "en foros de debate de expertos en violencia de xénero" xurdiron voces que van "na liña da posibilidade de limitar a publicidade dos casos de violencia de xénero, sobre todo nos casos de homicidios, asasinatos ou delitos con resultado de morte". É por iso que a popular suxire que a Fiscalía Superior galega elabore un informe ao respecto.

Na súa quenda para valorar a memoria do Ministerio Público do último ano Paula Prado sinalou que, "segundo din estes profesionais, as vítimas ás veces, en moitos casos, manifestan que cando están na casa vendo a televisión, sae un caso deste tipo e o agresor lle di 'así vas acabar ti, a próxima vas ser ti". Estas novas, mantén a parlamentaria, "ademais de xerar máis violencia, non só física e psicolóxica, poden acabar xerando efecto chamada, como no caso dos suicidios ou noutro tipo de cuestións".

Prado pide á Fiscalía "un estudo" sobre "se habería que adoptar medidas" para "limitar a publicidade dos casos de violencia de xénero"

É por isto que o PP propón á Fiscalía que "faga un estudo" en colaboración "coa Secretaría Xeral de Igualdade ou co Consello Xeral do Poder Xudicial" para "ver se, efectivamente, é preciso concluír ou non concluír que é preciso limitar a publicidade destes casos para limitar o efecto chamada, que podería estarse causando ou non". "Se o houbese -remata- gustaríanos que ao mellor houbese que adoptar medidas neste sentido", concluíu, sen especificar de que tipo de medidas se trataría ou como afectarían aos medios de comunicación.

Na súa resposta o fiscal superior, Fernando Suances, evitou afondar na cuestión. "A Fiscalía Superior ponse á disposición dos grupos parlamentarios para tratar con detemento estas cousas". "Igual que facemos moitos protocolos en diversas materias, tamén podemos facelo niso", indicou, agregando que se trataría dunha "cuestión incidental que hai que estudar".

Estudos previos e códigos profesionais

Aínda que nin Prado nin Suances afondaron neles, o certo é que existen xa diversos estudos a este respecto e, no ámbito galego, múltiplas recomendacións e códigos para o tratamento da violencia machista nos medios de comunicación que, en xeral, apostan pola visibilización das agresións de xénero cun tratamento que fuxa do sensacionalismo. No ámbito xornalístico galego a referencia é a Declaración de Compostela, unha guía de recomendacións elaborada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2004 que parte da necesidade dun "compromiso activo" dos medios "na denuncia da violencia de xénero".

No ámbito galego a referencia é a Declaración de Compostela, na que o CPXG parte da necesidade dun "compromiso activo" dos medios "na denuncia da violencia de xénero"

"Ante este tipo de delitos non cabe a neutralidade", resalta a Declaración, que apela os medios a "evitar o morbo e o sensacionalismo" e insta a quen aborde estas novas a afrontalas "como un problema social", encadrándoas "na problemática xeral da violencia contra as mulleres" e non como "casos illados de crónica negra, obviando o seu emprazamento nas páxinas ou bloques informativos destinados aos sucesos". O CPXG vén lembrando periodicamente estas recomendacións, animando a informar sobre a violencia machista, pero dende a "responsabilidade".

Outros colectivos e organizacións que tratan no seu traballo diario con casos de violencia machista pronunciáronse tamén ao respecto nos últimos anos. É o caso do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que tras un controvertido tratamento mediático dun asasinato machista resaltaba en 2014 que "o verdadeiramente importante" é que fique claro que "a violencia machista segue a cobrar vítimas".

Un estudo da Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero abordou en 2011 o "efecto imitación" e recomendou "mellorar o tratamento" destas novas, pero non censuralas

Nun sentido semellante, a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo elaborou nese mesmo ano un estudo sobre o tratamento mediático das agresións de xénero tras o cal instou a seguir as recomendacións da Declaración de Compostela. Nese documento, a Rede concluíu que "os casos de violencia xénero, cando un home agrede a súa parella ou ex-parella, deberan ocupar un espazo importante nos medios de comunicación". As informacións cun tratamento adecuado, afirmaban, serven "concienciar a sociedade da gravidade desta violencia".

Outro dos estudos con maior repercursión dos últimos anos fora elaborado pola Universidade de Granada a instancias da Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero no último treito do Executivo do PSOE. A partir da análise de máis de medio milleiro de casos aquel estudo si abrira a porta á posibilidade de que existise "un efecto imitación toando como referencia as noticias dos medios" en arredor dun 25% de casos. Non obstante, advertira o daquela delegado, Miguel Lorente, que o que cumpría tirar destes datos non era unha aposta por censurar a información, senón por "mellorar o seu tratamento", non "frivolizar" con ela e encadrala na problemática xeral da violencia machista.

PARA SABER MÁIS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.