O PP de Lalín insta o Concello a vincularse á relixión católica por ser a que representa "valores democráticos"

Fragmento da moción sobre a relixión presentada polo PP de Lalín CC-BY-SA Praza Pública

O pasado abril o goberno municipal de Lalín, que encabeza Compromiso por Galicia co apoio de PSdeG, BNG e a formación local APAC, sacou adiante unha moción a prol da aconfesionalidade do Concello coa fin de separar os ritos e actividades relixiosas do eido institucional, con medidas como a eliminación de simboloxía confesional de espazos públicos ou a non participación en eventos relixiosos dos cargos do goberno en calidade de tales, con independencia de que asistan a título individual. Aquela proposta fora duramente criticada polo PP, cuxo voceiro e ex-alcalde, José Crespo, a considerou como a "máis esperpéntica da historia da democracia". Menos dun ano despois Crespo promove outra moción para derrogar aquela e, no mesmo texto, instar o goberno local a vincular o Concello coa Igrexa católica por ser a única que, di o texto, representa "valores democráticos".

No texto de tres páxinas rexistrado o pasado 22 de decembro o antigo rexedor conservador comeza reafirmándose nos cualificativos que xa lle dedicará á moción sobre aconfesionalidade, como "irresponsable", "esperpéntica" ou "inútil", xa que a separación entre Igrexa e Estado está recollida na Constitución. Os seus adxectivos, di o PP, "foron ratificados e mesmo quedaron curtos á vista do comportamento" do goberno e "especialmente" do alcalde, Rafael Cuiña, ao que acusa de asistir a misas "cunha ansia desbordada" como mostra de "comportamento contraditorio coa moción que aprobaron". 

O PP apela a unha cita bíblica para sentenciar que "foi o cristianismo o que introduciu na historia a independencia da relixión a respecto do poder político"

Por todo isto os populares consideran pertinente restablecer a ligazón entre o Concello lalinense e a Igrexa e fanno apelando ao "marco histórico e legal que rexe a relación entre a relixión católica e o poder político". "O que é certo -sentencian- é que foi precisamente o cristianismo o que introduciu na historia, como novidade absoluta, a independencia da relixión respecto do poder político e viceversa, o que non ocorre no islam". Para o PP proba disto é que "o seu fundador ordenase aos seus seguidores dar ao César o que é do César e a Deus, o que é de Deus", di, en referencia á cita do Evanxeo de San Mateo no que, en rigor, o que se decribe é a pasaxe na que os fariseos envían algúns dos seus partidarios a tentaren provocar que Xesucristo se manifeste publicamente contrario ao pagamento de impostos ao Imperio Romano. 

A moción, promovida polo ex-alcalde, insta o Concello a aprobar que o catolicismo "representa os valores democráticos de xustiza, igualdade, liberdade e respecto, que lamentablemente non están presentes noutras confesións relixiosas"

Fronte ao texto bíblico que, segundo o PP, fica clara a "axeitada separación" entre "poderes políticos e relixiosos", os de Crespo acusan o goberno lalinense de promover "unha separación radical entre realidades civís e relixiosas, como se a política tivese que prescindir da relixión". A política de aconfesionalidade do Concello, profundan, "conculca a pluralidade" e "coarta as liberdades individuais das persoas". Así, entre citas a sentenzas xudiciais sobre a relación entre e Igrexa e Estado o PP de Lalín conclúe que o concello está incurso nun "intento de adoutrinamento por parte dun moi minoritario sector da cidadanía" do municipio, que "tenta impoñer á maioría unha ideoloxía de signo marcadamente ateo" que "non se corresponde coa nosa cultura e tradicións".

É neste contexto no que os populares concretan a parte dispositiva da moción. "Dende o absoluto respecto a todas as ideoloxías e relixións" o PP considera que o pleno de Lalín debe "recoñecer" oficialmente "as raíces cristiás e católicas do pobo de Lalín, en canto representan os valores democráticos da xustiza, igualdade, liberdade e respecto que lamentablemente non están presentes noutras confesións relixiosas", acrecenta. Así, agrega, o goberno local debe "manter coa Igrexa Católica as mesmas relacións e colaboracións que ata antes de aprobar a moción", declarar "nulo e sen efecto nin valor ningún" o acordo plenario sobre aconfesionalidade e permitir que os edís da corporación poidan acudir a actos relixiosos na súa condición de "representantes do pobo" e non como cidadanía individual.

O ex-alcalde Crespo, participando como rexedor nun acto relixioso © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.