O Porto coruñés vía en 2014 "absurdo" acusalo da privatización de terreos costeiros que agora promove

La Solana é hoxe un club privado nunha situación privilexiada © clubmetropolitan.net

No outono de 2014 a empresa propietaria da concesión do complexo deportivo e de lecer conformado na Coruña polo Hotel Finisterre e mais La Solana, construído en pleno franquismo sobre terreos públicos, anunciaba a súa venda. O 100% da sociedade pasaba  por 12,5 millóns de euros a mans dos empresarios Gustavo Alejandro López Patto e Antonio Rey Alba, o primeiro conselleiro delegado da Inmobiliaria Río Mero e o segundo, propietario de diversos negocios hoteleiros. Mentres a operación era aplaudida polo goberno municipal coruñés, na altura nas mans do PP, un dos daquela voceiros da oposición, Xosé Manuel Carril (BNG), lanzou unha alerta: aquilo era o primeiro paso para a privatización dos terreos. A Autoridade Portuaria, responsable dos terreos, desdeñou e reduciu ao "absurdo" a posibilidade de que chegase a producirse esa operación, que agora promove.

"A Autoridade Portuaria afirma que a formulación do BNG é absurda", respondéronlle oficialmente naquela altura os responsables do Porto a La Opinión de A Coruña ao ser cuestionados ao respecto. "O que se produciu -especificaba a resposta- é unha transmisión dos dereitos da concesión entre dúas empresas, sen máis intervención da Autoridade Portuaria que a de autorizar a transmisión", todo isto "de acordo coa lei", concluía. No entanto, o organismo público evitaba contestar abertamente se prevía ou non privatizar os terreos, unha ubicación privilexiada ao pé da costa sobre a desaparecida praia do Parrote.

"Prepárase unha gran operación de venda destes terreos", advertiu en 2014 Xosé Manuel Carril (BNG) tras a recualificación da parcela e a venda da concesión

"Prepárase unha gran operación de venda destes terreos", reiterou Carril tras a resposta. A afirmación, indicaba o edil, sustentábse en que a parcela do Finisterre e mais de La Solana, duns 30.000 metros cadrados, fora recualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente en 2013, tamén co goberno de Carlos Negreira. A súa cualificación pasara de uso dotacional -para a prestación de servizos á cidadanía- público a uso dotacional privado. A decisión fora recorrida sen éxito ante os tribunais polo propio BNG. O guión estaba marcado, afirmaba Carril, e o seguinte capítulo pasaba por unha venda dos terreos para "resolver os problemas de financiamento" do Porto.

As sospeitas sobre a operación urbanística continuaron ata o pasado maio, cando a Autoridade Portuaria confirmou que se dispuña a facer o que cualificara de "absurdo" apenas ano e medio antes. Ía organizar unha poxa dos terreos para sanear as súas contas, lastradas polos 300 millóns de débeda da construción do Porto Exterior de Punta Langosteira. Nese momento o Concello, xa co goberno da Marea Atlántica, anunciou a súa intención de exercer o dereito de compra da parcela da Solana segregada da do hotel cunha oferta baseada nunha "taxación independente", de 1,4 millóns de euros, e o Porto deu en frear a poxa e abriu un prazo de seis meses para que o Concello formalizase a oferta para venda directa.

A Autoridade Portuaria obvia a oferta do Concello para mercar os terreos de La Solana e mantelos no ámbito público e prevé venderllos á Inmobiliaria Río Mero, coa que xa asinou un convenio

No entanto, poucos días depsois a Autoridade Portuaria deu a coñecer de que tiña outra oferta sobre a mesa, e era millonaria. Ascendía a ata 10 millóns de euros e quen estaba por tras non era outra que a Inmobiliaria Río Mero. Neste punto o Porto solicitou informes a Facenda, a Avogacía do Estado e a Puertos del Estado que, di, avalaron a súa postura, e en outubro a entidade portuaria asinou coa inmobilaria un convenio no que río Mero puxo sobre a mesa avais bancarios pola súa oferta para concorrer á poxa. A privatización, vén argumentar o Porto, é máis rendible que a venda ao Concello e por iso favorece "o interese xeral".

Foi neste contexto no que o pasado decembro o Porto desbotou manter os terreos no ámbito público, desdeñando a postura municipal. Así, na última xuntanza celebrada en 2016 polo Consello de Administración do Porto deuse luz verde á venda en bloque do Finisterre e de La Solana cun único voto en contra, o do Concello, que acusa a Autoridade Portuaria de obviar o acordo acadado co goberno local coa única intención de especular. "Chegouse a un acordo no que se lle daba ao Concello a prerrogativa de adquirir a Solana por 1,4 millóns. Se non se respecta, acudiremos ao xulgado se é necesario", afirma o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro.

La Solana e o Hotel Finisterre antes do recheo © II Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.