O Goberno central cometeu desviación de poder na multa a unha edil do PSdeG en Miño por manifestarse

Catalina Morado, durante as protestas na Praia Grande de Miño CC-BY-NC-SA PSdeG Miño

En maio de 2014 veciñanza e colectivos ecoloxistas alertaron dos efectos prexudiciais para a costa que, ao seu xuízo, ía ter para a Praia Grande de Miño o recheo con area procedente do porto exterior da Coruña que estaban a impulsar o Goberno central e o Concello da localidade. Cando comezaron os traballos un grupo de veciños achegouse á zona para protestar contra o recheo, "pedir explicacións" e reclamar sen éxito parar os traballos, protexidos pola Garda Civil . Unha delas era unha concelleira do PSdeG, Catalina Morado, que acabou recibindo unha multa de 301 euros que un xulgado vén de anular nunha sentenza na que acusa a Subdelegación do Goberno central na Coruña de "desviación de poder".

A sanción tramitada pola Dirección Xeral de Política Interior baseábase en que a concelleira fora, supostamente, impulsora dunha mobilización non comunicada, e amparábase para sancionala nos preceptos legais que penalizan as manifestacións en "lugares de tránsito público" sen previa convocatoria co obxectivo de non impedir o "libre desprazamento do resto de cidadáns". No transcurso do procedemento xudicial un dos axentes do Instituto Armado admitiu que a protesta fora "espontanea" e "sobre todo -subliña a sentenza- a cando menos vinte metros dunha vía pública".

O xuíz di non ser quen de "entender" como un grupo de "non máis de corenta persoas" situado "nunha praia no mes de maio" pode impedir a libre circulación do resto da cidadanía. Semella claro, di, que a sanción imposta foi "manifestamente infundada", máis aínda tendo en conta que a Subdelegación acusaba a concelleira de promover unha manifestación nun lugar de tránsito público e, ao mesmo tempo, de impedir o recheo da praia. "O que dende logo se confirmaría é que non estabamos nun lugar de tránsito público, cando menos non nese momento, pois a Administración ou os contratistas non poden executar obras desa natureza mentres se mantén o uso público".

Catalina Morado: "Eu puiden defenderme, pero outros non poden permitirse a defensa e teñen que pagar multas só por manifestarse, así entenden algúns cargos do PP a liberdade de expresión"

"Se o que se pretendese defender (...) é a continuidade duns labores de recheo, dende o logo o instrumento utilizado e a potestade punitiva posta en funcionamento fórono en desviación de poder", conclúe a sentenza, xa que este "vicio concorre non só cando o exercicio dunha potestade se dirixe a fins espurios e privados, senón tamén cando se dirixe a fins públicos e á satisfacción do interese xeral" pero fóra das normas. Así as cousas, o xuíz deu en admitir os argumentos da concelleira, anular a multa e condenar o Estado ás costas do proceso, de "ata 400 euros", isto é, máis que a propia multa que a Subdelegación pretendía cobrar.

Tras coñecer a sentenza a concelleira exculpada manifestou a súa "satisfacción", pero tamén "lamentou" a "persecución que sofren moitos cidadáns por expresar o seu descontento polos abusos dunha Administración ás veces guiada por criterios partidistas". "Eu puiden defenderme e chegar a conseguir a razón grazas á axuda desinteresada dunha compañeira avogada", pero "outros non se poden permitir unha defensa e asesoramento legal e teñen que abonar multas só por manifestarse ou protestar por unha inxustiza". "Así -resalta Catalina Morado- é como entenden algúns cargos do PP a liberdade de expresión e de representación política".

Catalina Morado, durante as protestas na Praia Grande de Miño CC-BY-NC-SA PSdeG Miño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.