O BNG reivindica a Castelao e o nacionalismo porque “é máis necesario que nunca”

Homenaxe a Castelao en Rianxo © BNG

O pensamento de Castelao e o nacionalismo son máis necesarios e vixentes que nunca. Así o dixo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na homenaxe que a formación celebra cada 7 de xaneiro en Rianxo, desta vez no seu 67º cabodano. 

"Se algunha nación sen Estado precisa dun forte movemento nacionalista, esa é Galiza", di Pontón

“Lembramos a Castelao porque sentímonos herdeiras e herdeiros dun pensamento e dunha tradición política máis necesaria que nunca, porque estamos vivindo tempos convulsos e confusos e, se algunha nación sen Estado precisa dun forte movemento nacionalista, esa é Galiza”, destacou Pontón, que instou ao Bloque, de cara á súa vindeira asemblea nacional, a "fortalecer o músculo e a súa capacidade de actuación".

Pontón tirou dos concellos nos que goberna o Bloque, que sitúa como “exemplos de bo facer, de alternativa para o benestar das persoas fronte a un réxime que está esgotado e é incapaz de garantir emprego digno e calidade de vida”. Así, reivindicou que o BNG ten "un modelo real de cambio" e reivindicou a aqueles "fartos e fartas de sentirse indignadas e estafadas”.

Pontón cre que o BNG ten "retos" para 2017 que "requiren de toda a intelixencia, unidade e activismo social"

Para a portavoz do BNG, este 2017 trae "retos" á formación que "requiren de toda a nosa intelixencia, unidade e activismo social”para "sacar adiante un país en mans dun goberno vello e sen ideas, un goberno que confunde ter maioría con ter a razón e cun Feijóo servil a Madrid e cómplice dos incumprimentos con Galiza”.

Ademais, advertiu dunha asemblea que será "clave" por pechar un proceso de "posta a punto" do proxecto nacionalista. Entre as prioridades da formación falou da defensa de Galizia como nación no actual debate territorial e contrarrestar un Feijóo “campión da recentralización devolvendo competencias e rebaixando o noso status de nacionalidade histórica”. Ao tempo, cre "urxente", un novo modelo de financiamento, un pacto galego contra a violencia machista e continuar na loita por unha AP-9 "galega". 

Ana Pontón, na homenaxe a Castelao © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.