Portugal di adeus a Mário Soares, símbolo da democracia lusa

Mário Soares, ao recibir a Medalla de Ouro de Galicia © Xunta

Marchou a principal figura política das últimas décadas en Portugal. Firme loitador contra a ditadura, preso e exiliado, voltou ao seu país logo do 25 de abril para exercer de case todo no país veciño, no que é símbolo da democracia. Mário Soares; deputado, ministro, primeiro ministro, presidente da República e eurodeputado, este símbolo lisboeta faleceu este sábado aos 92 anos logo de case un mes internado no hospital. 

A figura de Mário Soares está presente en calquera acontecemento relevante en Portugal no último medio século

Doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela e máis pola da Coruña e Medalla de Ouro de Galicia en 1993, a figura de Mário Sores está presente en calquera acontecemento histórico-político relevante do Portugal do último medio século. Aos seis días do 25 de abril desembarca en Lisboa procedente do seu exilio parisino e convértese ao pouco en ministro de Exteriores durante varios gobernos provisioinais, sendo fundamenttal no proceso de descolonización levado a cabo por Portugal. Pero o seu percorrido foi moito máis intenso aínda antes. 

Presente en varios movementos de oposición á ditadura do Estado Novo, foi preso unha ducia de veces, cumpriu case tres anos e foi alí onde casou para logo ser deportado ao São Tomé e obrigado a exiliarse en Francia. Aló fóra fundou o Partido Socialista de Portugal en 1973, do que exerceu de secretario xeral durante anos. En 1976, coa vitoria do PS nas eleccións, convértese no primeiro ministro do I Governo Constitucional (1976-77) e tamén o II (1978) e logo tamén entre 1983 e 85 no denominado Bloco Central xunto ao PSD, etapa na que Portugal acaba por entrar con España na Comunidade Económica Europea. 

Fundador do Partido Socialista de Portugal, foi primeiro ministro en tres etapas tras a ditadura e presidente da República unha década

Derrotado por Cavaco Silva, opta á presidencia nunhas eleccións nas que consegue o apoio dos comunistas para derrotar a Freitas do Amaral e ocupar un posto que, en dous mandatos, durou unha década, até 1996. Foi daquela cando a súa relación con Galicia se incrementou ao manter unha fluída relación con Manuel Fraga e co Goberno da Xunta, que lle concedeu en 1993 a Medalla de Ouro de Galicia. Anos antes, segundo desvelou en varias entrevistas, o propio Fraga lle prometera a non intervención da ditadura franquista no proceso democrático que levaría adiante o país veciño. Un era dirixente do réxime fascista e o outro un loitador pola democracia. 

Eurodeputado entre 1999 e 2004, fracasou no seu intento ao volver disputarlle a presidencia en 2006 a Cavaco Silva e retirouse da política activa. Con todo, continuou mantendo a súa influencia e as súas reflexións foron sempre escoitadas con atención a esquerda e a dereita en Portugal. Especialmente duro co Executivo de Passos Coelho e cos peores anos da troika no país veciño, Soares marchou coa mesma admiración que mantiña dos seus compatriotas. A que leva os xornais lusos a definilo xa como "português maior", "pai da democracia" ou "o primeiro presidente de todos os portugueses". 

Mário Soares, ao recibir a Medalla de Ouro de Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.