Vinte persoas foron procesadas ou xulgadas por corrupción en Galicia no último ano e medio

Varios xuíces durante un acto oficial CC-BY-SA EDN

Pokémon, Pikachu, Manga, Zeta, Pulpo, Cóndor, Campeón... Son só algúns dos nomes que na última década se asentaron nos titulares, nos faladoiros e na vida pública de Galicia vinculados á presunta corrupción política e empresarial. Nos anos en que condutas presuntamente corruptas semellaron invadir a vida pública o Consello Xeral do Poder Xudicial decidiu, tras asumir as achegas da organización Transparencia Internacional, divulgar os procedementos xudiciais por "corrupción pública" e as cifras de persoas implicadas neles. Tras dous anos de traballo este repositorio de datos é xa público e nace con información do último ano e medio, no que unha vintena de persoas foron procesadas ou xulgadas en Galicia por suposta corrupción.

No inicio da publicación dos datos, que serán actualizados trimestralmente, o órgano de goberno da xudicatura resalta o que entende por "corrupción pública, que é a que máis altos índices de preocupación inspira na cidadanía". As persoas ás que atinxen estes procesos son "funcionarios públicos, gobernantes e políticos no exercicio dos seus cargos" e nos casos ten que estar afectado "o diñeiro público, abranguendo así tanto a corrupción administrativa como a política".

Considéranse "corrupción pública" delitos como a prevaricación, o suborno, o tráfico de influencias ou a malversación de fondos públicos

Trátase, polo tanto, de delitos como a prevaricación urbanística e administrativa, a infidelidade na custodia de documentos, a violación de segredos, o suborno, o tráfico de influencias, a malversación ou a fraude e exaccións ilegais. Contabilízanse tamén os procedementos xudiciais por negociacións e actividades prohibidas ao funcionariado público, os abusos no exercicio das funcións públicas e a corrupción en transaccións comerciais internacionais.

Baseándose nestes criterios, o Consello contabiliza un total de 1.378 persoas "acusadas ou procesadas" en todo o Estado por delitos de corrupción. Trátase de persoas que entre o 1 de xullo de 2015 e o 30 de setembro de 2016 estiveron afectadas por autos de apertura de xuízo oral ou de procesamento por calquera tribunal, xa fose o Supremo, a Audiencia Nacional ou os órganos xudiciais das comunidades autónomas. Destas persoas 272 foron acusadas ou procesadas polos órganos centrais -Supremo e Audiencia- e 20 fórono en tribunais galegos dentro de seis procedementos distintos.

Sen datos de 'imputacións'

O Consello Xeral do Poder Xudicial optou por non incluír neste repositorio de datos públicos os datos das persoas citadas a declarar como investigadas, isto é, a antiga figura da imputación ata o recente cambio legal, e informa unicamente dos casos en que xa foron ditados os autos de apertura de xuízo ou de procesamento. "Optouse por fixar este como o momento procesual" sobre o que informar porque "a finalidade da fase de instrución", na que se imputa pero tamén se 'desimputa', é "determinar a natureza e circunstancia do feito e das persoas que participasen nel", e durante esa investigación "pode variar tanto o tipo penal como o número de persoas implicadas".

O Consello non ofrece datos de persoas investigadas porque durante a fase de instrución "pode variar tanto o tipo penal como o número de persoas implicadas"

Este criterio vai na liña do advertido nos últimos anos por colectivos profesionais da maxistratura como Xuíces para a Democracia, que en declaracións a Praza.gal advertía da necesidade de ter en conta que o feito de que "alguén sexa citado como imputado" non implica "necesariamente" que o xuíz ou xuíza instrutora do caso "teña indicios sólidos de delito nin que iso vaia rematar nunha condena, nin sequera nunha acusación". Nesta liña, o voceiro desta asociación, Xermán Varela, resalta ademais que "nón é equiparable" unha imputación decidida tras unha investigación xudicial que "pola admisión a trámite dunha denuncia ou querela", aínda que a figura xurídica sexa a mesma.

Dende o CXPX enmárcase a publicación destes datos ten a intención de achegar á cidadanía "a acción da Xustiza no marco global da loita contra a corrupción". Segundo o seu presidente, Carlos Lesmes, datos coma estes reforzan a tese de que "a realidade deixa sen fundamento" as "críticas interesadas ao labor de xuíces e maxistrados" que "suxiren elementos de politización nas decisións adoptadas". "Fronte á eventual degradación criminal de persoas con responsabilides políticas, o Poder Xudicial limítase a actuar sobre cada caso concreto, aplicando unicamente a lei", asegura.

Edificio dos Xulgados de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.