Feijóo desempoa o argumentario contra as maiorías sen o PP, partido "garantía de democracia"

Feijóo, nun hotel compostelán cos participantes no relatorio territorial do congreso do PP CC-BY-SA PPdeG

En marzo do pasado ano, en vésperas do primeiro aniversario das últimas eleccións municipais, Alberto Núñez Feijóo explicou nunha entrevista televisiva que tras aqueles comicios locais o seu partido ofrecera ao PSdeG facerse coa alcaldía de Santiago "cos votos do PP". Os 9 edís conservadores e os 4 socialistas sumarían maioría absoluta e impedirían o goberno de Compostela Aberta, con 10 asentos no pleno municipal.

Nos meses seguintes a política galega estivo marcada por dúas eleccións, a das xerais repetidas e mais as galegas, campañas nas que Feijóo reiterou os riscos e a, ao seu xuízo, escasa lexitimidade dos gobernos apoiados en maiorías parlamentarias que non inclúan a forza máis votada, dando por suposto que esta é en todo caso o PP, como actualmente sucede en Galicia e España. Tras o triunfo do 25S o presidente da Xunta deixou aparcado un argumentario que agora, en vésperas do congreso estatal do seu partido, dá en desempoar para presentar a formación como a verdadeira "garantía de democracia".

Este sábado os populares xuntaron a parte da súa cúpula nun hotel compostelán para celebrar unha das xuntanzas preparatorias dese congreso, a do relatorio de política "económica e territorial". Co presidente galego como anfitrión sentaron á mesma mesa representantes gobernamentais como a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, Álvaro Nadal e Fátima Báñez; líderes territoriais como o catalán Xavier García Albiol e Alfonso Alonso; e tamén quen se mantén na dirixencia conservadora dende o aznarismo, Javier Arenas, elevado por Feijóo á categoría de "sumo sacerdote", "unha das persoas que máis servizos prestou ao noso partido".

Feijóo teima en que as coalicións sen a forza máis votada non "respectan os resultados electorais"

Ante unha cristaleira que convertía en decorado de fondo a Catedral compostelá, "a Xerusalén occidental", Feijóo reiterou as súas apostas para a próxima Conferencia de Presidentes Autonómicos, como a reclamación dun "pacto de Estado pola demografía", para glosar os que considera valores encarnados no PP, baluarte de "estabilidade política e institucional" e "garantía da democracia". O seu, proclama, é un partido "que respecta os resultados electorais" e permite que "goberne o que gaña". "Non hai unha soa comunidade ou un só concello onde o PP goberne despois de perder", mentres que "hai decenas de concellos e comunidades onde o PP non goberna despois de gañar", di, en referencia ás coalicións de esquerda.

O PP reuniu en Santiago os seus dirixentes para preparar o vindeiro congreso e reivindicar a "liberdade económica" e mais a "unidade de España"

"Gobernamos cando gañamos e sempre aceptamos os resultados electorais" e isto sucede porque, di, tal e como amosan os documentos que discutirán no seu congreso, o PP é "un partido que cre na democracia". O modelo dos de Rajoy, asegura, contraponse co do resto de formacións e especialmente coa "soberbia populista". "Xa non poden esconder que queren poñer España ao seu servizo", reflexionou entre aplausos.

Os documentos do que Sáenz de Santamaría define como "o partido da xente, o que vota máis xente" e o que "saca a España das crises ás que a leva o PSOE cando o goberna", son segundo Feijóo a mellor "carta de navegación", a do "respecto á liberdade económica, a reivindicación da estabilidade política, respectando sempre o resultado das urnas, a responsabilidade na xestión e a defensa da unidade de España". Isto é, ao cabo, o que xa "imaxinou" Manuel Fraga, cuxo "legado segue en pé" cinco anos despois do sue falecemento: "o partido máis importante de Europa":

García Albiol fotografa os dirixentes do PP reunidos en Santiago CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.