0 Gardados para despois

A oposición rebaixa a euforia de Feijóo polos resultados da Conferencia de Presidentes

Redacción | @prazapublica

Toda a oposición arrefriou a euforia coa que Feijóo deu conta este martes no Parlamento dos resultados para Galicia da Conferencia de Presidentes de comunidades autónomas celebrada a pasada semana. Mentres o presidente da Xunta amosou "certa satisfacción"  e fixo un balance "positivo e esperanzador" para o país por "terse escoitado e aceptado as formulacións" do Goberno galego, nomeadamente de cara á negociación dun novo modelo de financiamento autonómico, En Marea, PSdeG e BNG censuraron tanto o acadado como a estratexia.

Feijóo fixo un balance "positivo e esperanzador" para Galicia por "terse escoitado e aceptado as formulacións" da Xunta

De feito, os tres portavoces da oposición coincidiron ao reprochar a Feijóo que acudise ao cónclave "sen pactar antes unha posición de país". "Veu aquí con todo dado e é todo bastante opaco", dixo a nacionalista Ana Pontón, que considerou "un bluf" o cónclave. Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG, recriminoulle tamén que a Conferencia "non se tivera preparado previamente en Galicia" porque "nin chamou nin mandou documento ningún". "Gustaríanos ter sabido a que foi porque non soubemos cal foi o seu plan", engadiu Villares, portavoz de En Marea. 

Feijóo insistiu en destacar que a Conferencia acordase obrigar a estudar o impacto do gasto sanitario de modo diferenciado no modelo de financiamento, a importancia da dependencia ou o problema demográfico no país. "Por primeira vez terase en conta o custo efectivo dos servizos públicos", destacou o presidente da Xunta. "Está marcado o campo de xogo e queda moito por traballar", engadiu. 

A oposición censurou que Feijóo acudise a Madrid "sen pactar antes unha posición de país" co resto dos grupos

Con todo, ningún partido da oposición se amosou satisfeito e todos eles reclamaron maior ambición nas propostas para o futuro modelo de financiamento. "Calquera proposta semellante á actual non soluciona os problemas de Galicia, non vale abordalo como se foramos unha provincia sen autonomía política propia", dixo Villares, mentres que Leiceaga insistiu no "moito ruído e poucas noces" e reclamou que Feijóo puxese cifras. "Reconsidere a estratexia de submisión aos intereses do PP que nos conducen á irrelevancia política como país", dixo Pontón, que reclamou unha "relación bilateral" co Estado para "non quedar no tren das rexións".

Villares e Pontón coincidiron en advertir do perigo de que Feijóo deixe Galicia "no tren das rexións" ao non defender o seu "carácter nacional"

O voceiro de En Marea coincidiu: "Non somos unha rexión, somos  unha nacionalidade histórica". E apostou por que Feijóo "defenda o carácter nacional de Galicia". "Non queremos xogar na segunda división do financiamento, queremos un sistema diferente e propio que nos permita levar a cabo políticas económicas propias", engadiu, tras reprocharlle a Feijóo que "acepte o statu quo, o dun país minguante". 

Na súa réplica, Feijóo pediu "máis humildade" a Villares e a Ana Pontón que non reclame medidas "do nacionalismo do século XIX", ademais de volver aludir ao bipartito. A Leiceaga contestoulle sacando declaracións de presidentes autonómicos do PSOE que gabaron os resultados da Conferencia de Presidentes, logo de instar a unha proposta única galega para combater a violencia de xénero e chamar á colaboración, ademais da necesidade de pactar e da "vontade negociadora" para acordar o nome do experto que a Xunta achegará á seguinte reunión das autonomías non debate do novo modelo de financiamento e para elaborar unha lei de impulso demográfico. 

O BNG pediu a Feijóo que, de querer subir ao tren "das nacionalidades históricas, suba ao tren dos que reclaman un concerto económico". "Quere anular a presenza de Galiza como nación", insistiu Pontón, que denunciou a "submisión" do presidente. Villares e Leiceaga reprocháronlle, ademais, non ter unha proposta clara e definida sobre o modelo de financiamento que pretende o Goberno e acusárono de pregarse ao que se lle ofreza desde o Executivo central. 

Mentres, o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, gabou unha Conferencia de Presidentes onde se acadaron "once acordos" e contrapúxoo a outras anteriores sen apenas resultados. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.