Rexeitamento xeral á obriga de contar cun tesoureiro en todos os concellos

Casa do Concello de Sarria CC-BY-SA Miguel Pereiro

Todo comezou en Sarria. A pasada semana a vila lucense foi noticia polo risco -comunicado pola súa alcaldesa- de que o Concello non puidese realizar pagamentos (nin nóminas, nin a provedores) pola carencia dun tesoureiro ou tesoureira de habilitación nacional, esixido agora por lei, e cuxa contratación estaba sendo bloqueada polo PP. Finalmente, no pleno municipal do pasado xoves aprobouse a creación da praza (toda vez que os edís populares e non adscritos abandonaron a sala).

O problema de Sarria solucionouse, pero aínda que esta localidade dera a voz de alarma, a situación reprodúcese na meirande parte dos concellos galegos

O problema de Sarria solucionouse así, pero aínda que esta localidade dera a voz de alarma, a situación reprodúcese na meirande parte dos concellos galegos. A Lei 18/2015 obriga a todas as localidades a que a funcións de tesourería sexan exercidas por un funcionario ou funcionaria habilitadas polo Ministerio, algo que anteriormente só era esixido aos municipios de máis de 20 mil habitantes, mentres que no resto o labor dependía doutros traballadores e traballadoras do concello. Dende a entrada en vigor da lei houbo un período de prórroga que finalizou este 1 de xaneiro, momento no que a obriga afecta a todas as localidades.

CC.OO. sinala que menos do 13% dos 313 conta con esta figura e lembra que neste momento "non hai abondos habilitados estatais" para cubrir todas as prazas

A maior parte dos concellos galegos está neste momento incumprindo a lei. CC.OO. sinala que menos do 13% dos 313 conta con esta figura e lembra que neste momento "non hai abondos habilitados estatais" para cubrir todas as prazas que por mor desta lei son obrigatorias nos máis de 8 mil municipios de toda España. Moitas localidades pequenas sinalan que non poden facer fronte ao custe que xera a creación desta praza (uns 60 mil euros ao ano), ou que deberían detraer ese gasto doutras partidas que consideran máis importantes.

Nos últimos días creceu en administración de moi distinto signo político, partidos políticos e sindicatos a oposición a esta norma. Este luns o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), apostou por derrogar a norma impulsada hai dous anos por Cristóbal Montoro. Villares afirmou que as funcións do tesoureiro poden ser realizadas polo secretario ou polo secretario-interventor nos de menos de 5.000 habitantes.

O vicepresidente da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), apostou por derrogar a norma impulsada hai dous anos por Montoro

De igual xeito, este martes o Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade a proposta do Goberno Provincial para cubrir os postos de tesoureiros nos concellos de menos de 20.000 habitantes, instando o Ministerio de Facenda a "convocar as prazas suficientes de secretaría, secretaría-intervención e intervención e tesourería" e propoñendo que as funcións de tesourería en concellos con menos de 5.001 habitantes poidan ser exercidas por funcionarios de carreira que presten servizos na administración local sen necesidade de habilitación nacional. Así mesmo, pediuse establecer un réxime transitorio na aplicación da norma mentres non exista persoal suficiente para cubrir a este persoal, así como estudar, en colaboración coas Federacións de Municipios e Provincias, a prestación do servizo de tesourería en concellos de menos de 20.000 habitante, "atendendo a criterios de sustentabilidade financeira e xestión dos recursos públicos en clave social".

Xunta e Deputación de Lugo pide que os concellos de menos de 5000 habitantes queden exentos e que no resto se flexibilice a aplicación da norma

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se reuniu con representantes dos colexios oficiais de secretarios, interventores e tesoureiros de Galicia, comprometeuse a pedirlle a Cristóbal Montoro que modifique a norma ou que cando menos adíe a súa aplicación, eximindo da obriga aos concellos de menos de 5 mil habitantes (dous de cada tres en Galicia). Na proposta de Rueda, as localidades entre 5 e 10 mil habitantes poderían mancomunar a contratación dun tesoureiro de carreira que prestase o servizo en varios deles. E, finalmente, aqueles de máis de 10 mil habitantes si que estarían obrigados a contar con esta figura. Así mesmo, Rueda pediu "unha maior implicación das deputacións, que teñen que crear servizos de asistencia técnica en cada provincia, sobre todo para asistir aos concellos máis pequenos".

 

Casa do Concello de Sarria CC-BY-SA Miguel Pereiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.