Feijoo condiciona o seu apoio á Área Metropolitana da Coruña a un cambio de postura dos alcaldes do PP

Núñez Feijoo e Ferreiro, no encontro que mantiveron este luns en Compostela © Concello da Coruña

"Para constituír unha área metropolitana necesítase o consenso dos concellos de a conforman, necesítase un amplo respaldo por parte do Concello da Coruña e a entrada en funcionamento dun transporte metropolitano óptimo". Alberto Núñez Feijoo ofreceu este luns o apoio condicionado da Xunta ao proxecto de constitución da Área Metropolitana da Coruña durante a xuntanza que mantivo co alcalde Xulio Ferreiro. Entre os condicionantes expresados está -ademais da "entrada en funcionamento dun transporte metropolitano sen transbordos"- a consecución dun consenso entre os concellos que vaian formar parte da área, un consenso que polo momento só rachan as tres localidades gobernadas polo Partido Popular.

Os tres concellos gobernados polo PP (Arteixo, Abegondo e Carral) afirmaron que non se sumarían ao proceso de creación da área ata que o pleno coruñés aprobase este acordo por maioría absoluta, é dicir, ata que PSOE ou PP voten a favor.

O pasado 20 de outubro os rexedores de Abegondo, Carral e Arteixo negáronse a asinar a Declaración de María Pita de impulso á área, a pesar de que en reunións previas amosaran a súa disposición a poñer en marcha a nova entidade supramunicipal. O documento si conta co apoio da Coruña, Oleiros, Cambre, Sada, Bergondo, Betanzos e Culleredo e, de igual xeito, Carballo, A Laracha e Cerceda manifestaron o seu interese en participar. 

Outro dos condicionantes é ese "amplo respaldo" ou "consenso" reclamado por Núñez Feijoo ao pleno da cidade da Coruña. Cando en novembro foi debatida unha moción de apoio ao proceso, abstivéronse todos os concelleiros de PP e PSOE (agás o voceiro socialista), impedindo a unanimidade que tería permitido a posta en marcha oficial do proceso. Pola contra, esa mesma moción contou co apoio de todos os edís do PSdeG-PSOE en Culleredo, Oleiros ou Sada e o propio alcalde de Culleredo e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Julio Sacristán, manifestou publicamente que os dirixentes do seu partido na cidade da Coruña estaban "equivocados". En relación con isto, os tres concellos gobernados polo PP (Arteixo, Abegondo e Carral) afirmaron que non se sumarían ao proceso de creación da área ata que o pleno coruñés aprobe este acordo por maioría absoluta, é dicir, ata que PSOE ou PP voten a favor.

Ferreiro esixiulle a Núñez Feijoo "implicación nos problemas que preocupan aos e ás coruñesas”

Pola súa banda, ​o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou a xuntanza de “cordial”, pero sinalou que “a nosa sensación de que en ocasións os asuntos co Goberno galego non están o suficientemente engraxados" e esixiulle a Núñez Feijoo "implicación nos problemas que preocupan aos e ás coruñesas”. “Esperemos que a partir da xuntanza de hoxe, esa colaboración entre ambas institucións sexa máis fluída e redunde no beneficio da nosa veciñanza, que debe ser a nosa preocupación común”, engadiu.

En relación coa Área Metropolitana, Ferreiro solicitou o apoio da Xunta en todo o proceso de creación, entendendo a Área “como un elemento que ten que servir para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas, algo no que coincidimos”. O alcalde coruñés salientou como "un dos puntos de encontro" todo o ligado ao transporte metropolitano. "Estamos dispostos a traballar nun plan de transporte metropolitano para A Coruña e a súa comarca, aproveitando ademais que estamos nun momento propicio, ao irse a abordar temas como as concesións do transporte metropolitano, e a posible revisión da concesión do transporte urbano da Coruña. Esas situacións nos permiten casar ambas cuestións de cara ao futuro e falar da penetración metropolitana”, dixo.

Finalmente, Núñez Feijoo avanzou a disposición da Xunta de solicitarlle á Universidade da Coruña a elaboración dun plan estratéxico dunha futura área metropolitana, como parte do impulso a este proceso.

Núñez Feijoo e Ferreiro, no encontro que mantiveron este luns en Compostela © Concello da Coruña
Núñez Feijoo e Ferreiro, no encontro que mantiveron este luns en Compostela © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.