0 Gardados para despois

O PP duplica os cartos que ENCE ofrece investir no pazo de Lourizán e teima en que a Deputación llo ceda

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O PP volve interceder por ENCE ante a Deputación de Pontevedra. Esta semana o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mais a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, acudirón á sede da institución pontevedresa para reclamar aos seus responsables a cesión do histórico Pazo de Lourizán e os seus terreos para que a pasteira instalase alí o seu centro de I+D. A petición recibiu un "non" por resposta e este mércores reiterouna o deputado e voceiro municipal dos populares en Pontevedra, Jacobo Moreira, ao fío dun debate parlamentario co BNG. O goberno provincial de socialistas e nacionalistas, di Moreira, debe aceptar a cesión porque do contrario estaría poñendo "en risco 10 millóns de euros de ENCE para a rehabilitación do pazo", di, cando a empresa puxo sobre a mesa algo máis de 5 millóns de euros.

A xuízo de Moreira a negativa a que a empresa poida dispoñer do "degradado" pazo, propiedade da Deputación e que a Xunta usa en virtude dun convenio asinado en 1991 e actualizado no ano 2000, é unha "irresponsabilidade política de BNG e PSOE" que arrisca ata 10 millóns de euros. Ese, asegura, "era un dos compromisos arrincados a ENCE pola Xunta despois de que se lle concedese a prórroga da concesión", outorgada polo Goberno de España en funcións.

Moreira (PP) insta a PSdeG e BNG a "recapacitar" e ceder o pazo á empresa

No entanto, o pacto asinado polo Goberno galego coa pasteira tras ratificarse a súa permanencia na ría ata 2073 cifra en 5,6 millóns, non en 10, o orzamento previsto para un "novo centro de investigación que dinamice o emprego especializado na explotación sostible dos recursos forestais e realización dos traballos para fixar a súa sede mediante rehabilitación de edificio ou construción dun de nova planta". "Unha vez que a Xunta tiña conseguidos os fondos para a necesaria rehabilitación do pazo, un inexplicable cambio de posición do BNG pon en serio risco de perder estes fondos", di Moreira, que insta a socialistas e nacionalistas a "recapacitar" e ceder o pazo a ENCE.

Carmela Silva: "Non mintan"

A presidenta da Deputación de Pontevedra declárase "escandalizada" porque o PP torne en "voceiro de ENCE" e insta a Xunta a rehabilitar o pazo, "porque está no convenio"

As esixencias de Moreira foron retrucadas pouco despois pola presidenta da Deputación pontevedresa, Carmela Silva, quen ironiza con que "descoñecía que o portavoz do PP en Pontevedra fose membro do consello de Administración de ENCE". "Estou escandalizada ao ver como os integrantes do PP se converten en voceiros da empresa e non vou cualificar o que iso significa, que o fagan os cidadáns", di a socialista, quen coida que os conservadores non deberan "enganar á xente" cos plans da pasteira para o Pazo de Lourián. "Debe ser a primeira vez que un fantástico proxecto de I+D forestal que vai ser referencia no mundo se pode desenvolver en 373 metros cadrados, con 5 millóns e 10 traballadores, 5 deles bolseiros". Porque "iso é o que aparece no plan de ENCE" que Rueda e Mato lle presentaron, asegura.

"Falamos dun proxecto menor, con escasos recursos" por moita "paixón" que o PP demostre por el e aínda que ENCE asegure "que non quere usar o pazo", porque "o porpio vicepresidente Rueda e a conselleira nos din que si utilizarían os salóns para desenvolver actos, xornadas e eventos". "En que quedamos, queren usar o pazo ou non?", pregúntase Silva, quen cre que a preocupación da Xunta debera ser, no tanto de mediar no nome de ENCE, "cumprir o convenio" que obriga o Goberno galego a "rehabilitar o pazo", tal e como "o PP esixía á Xunta en 2008". "No convenio aparece esa obriga e a Xunta non o fixo", pero o pazo debe ser rehabilitado e non porque "ENCE, na súa magnanimidade, faga algo extraordinario. Ten que facelo a Xunta porque está no convenio", conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.