0 Gardados para despois

O BNG presenta a súa "asemblea de portas abertas" para "relanzar a organización"

Redacción | @prazapublica

Unha asemblea "de portas abertas" para "o conxunto da cidadanía" e cunha clara aposta "por novas caras". Así presenta o BNG o seu cónclave, a XVI Asemblea Nacional que celebrá os vindeiros 25 e 26 de marzo na Coruña baixo o lema En Bloque cara a un tempo novo. A formación márcase como obxectivo "reforzar o proxecto nacionalista" para "recuperar apoio social e electoral" e "consolidar o relevo xeracional".

O BNG aposta por "novas caras" e "consolidar o relevo xeracional" para "recuperar apoio social e electoral" 

Na presentación da asemblea, a responsable da área de Organización, Goretti Sanmartín, fixo un chamamento "á participación" e insistiu nas "portas abertas" para que participe todo o mundo, non só a militancia e os simpatizantes, senón "o conxunto da cidadanía", á que chama a anotarse ata o 13 de marzo para participar e "achegar as súas propostas". 

Tal e como explicou Rubén Cela, secretario de Comunicación, o BNG insiste no lema da asemblea no que "tanto callou interna como externamente" na pasada campaña das autonómicas, e chama "a un tempo novo" tamén para "repensar e corrixir". "Sabemos que podemos facer máis e mellor, tempo de reforzar e relanzar o proxecto nacionalista da man de toda a xente que se ten achegado ao BNG nos últimos tempos, todo coa vocación de recuperar e ampliar apoio social e electoral”, argumentou. 

Para Cela, o propósito debe ser “relanzar a organización para ser un referente ao servizo da maioría social do país”, máis tendo en conta que a asemblea definirá o Bloque para os próximos tres anos, onde se levarán a cabo varias citas electorais. E apostan por ese relanzamento logo dun ano de debate no se actualizaron os principios fundacionais e as teses políticas. 

O Bloque quere "aumentar o campo do nacionalismo" a persoas que, sen ser militantes, queren "defender os intereses de Galiza"

Tal e como dixo Sanmartín, o "dereito a decidir debe ser elemento central" para a transformación social e o aumento do benestar porque "falamos das cousas de comer". Ademais, centra outro dos obxectivos en "ampliar o campo do nacionalismo" co persoas que, sen ser militantes, queren achegar para "defender os intereses de Galiza". 

Alén disto, o BNG quere nesta asemblea "apostar por novas caras e reforzar o papel da xente moza", pero tamén por levar a cabo "un discurso máis claro e directo, buscando a conexión social, en particular coa mocidade". Así, a formación opta por dar maior protagonismo a Galiza Nova, así como á militancia na emigración, e por reforzar a participación interna. 

Á XVI Asemblea Nacional do BNG están convidadas 32 organizacións nacionais e 42 internacionais. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.