A edil independente que cobra as dietas denunciadas en Cabanas opúxose a elas no pleno

Casa do Concello, en Cabanas © BNG-Cabanas

O BNG unirase á moción de Somos Cabanas para a eliminación da xunta de delegados vixente en Cabanas, semellante ás comisións de coordinación que a Xustiza investiga en Valga. Logo da polémica xerada polas presuntas dietas irregulares do goberno local no concello pontevedrés e das denuncias pola existencia de órganos semellantes en Outes, Noia ou Curtis, a marea local da localidade eumesa solicitará a supresión destas discutidas xuntanzas do goberno local, así como que se reintegren estas contías percibidas indebidamente e se regularice a situación de acordo coa lei. 

O BNG únese á moción de Somos Cabanas para a eliminación da xunta de delegados

Así, no vindeiro pleno de finais deste mes de marzo, o concelleiro do Bloque en Cabanas, Iago Varela, unirase á solicitude de Somos Cabanas e insistirá no "chamamento ao alcalde Germán Castrillón para que se cerciore da legalidade" da xunta de delegados. "De non ser legal ou ter dúbidas, que suspenda as reunións e reintegre as cantidades cobradas", aclara o BNG local, que lembra que leva todo o mandato advertindo que este órgano creado á marxe dos regulados pola lei "non debe existir", ao non ser "máis que unha forma encuberta" do goberno municipal -formado polos edís do PP e unha independente da Agrupación de Electores de Cabanas (AEC)- de "dar un soldo aos seus concelleiros saltándose as restricións legais que impuxo a lei Montoro". 

"Son unha forma encuberta do goberno local de dar un soldo aos seus concelleiros saltándos as restricións legais da lei Montoro"

O BNG mantén a liña que amosara xa no pleno de organización tras as eleccións municipais, en xullo de 2015, cando advertira que a figura creada e apoiada no pleno polo PP e o PSOE supoñía "unha comisión opaca que o PP usa como argucia legal para pagar un soldo aos seus concelleiros". Naquel mesmo pleno, a concelleira de AEC votara en contra da creación deste órgano xunto ao representante do Bloque e ao de Somos Cabanas, sumando tres votos que nada fixeron ante os cinco a favor dos populares e os tres dos socialistas. Agora, a edil de AEC que forma parte do goberno local participa tamén desas xuntas de delegados e percibe as dietas denunciadas por parte da oposición ao "estar nunha situación similar ás comisións de coordinación que se investigan en Valga". 

A concelleira de AEC votara xunta a BNG e a marea local contra unhas comisións ás que agora asiste como membro do executivo 

"Xa foi no momento chamativo que a maioría de goberno aceptase eliminar a Xunta de Goberno Local (á que si asistiría o secretario) e en cambio fixese causa da xunta de delegados, que saíu adiante", lembra Iago Varela. 

Aínda o pasado mes de xaneiro, e ante a noticia de que sete dos nove edís populares de Valga foran chamados a declarar como investigados por un presunto delito de prevaricación e malversación de fondos pola creación e o cobro desas presuntas dietas irregulares, o BNG de Cabanas advertiu da existencia desta xunta de delegados como "figura semellante" ao órgano posto en cuestión e preguntou ao alcalde se podía asegurar que eses cobros "eran plenamente legais" e se existía "garantía xurídica". Daquela, o rexedor Germán Castrillón non respondeu á pregunta.

No Bloque, como no resto de formacións que denuncian situacións irregulares semellantes noutros concellos, están á espera do desenvolvemento da actuación xudicial en Valga para posíbeis futuras actuacións. Desde Somos Cabanas advirten que, de non "recuar" na súa actitude o goberno local e de non resolverse a situación, acudirán á Fiscalía. 

 

Xuntanzas sen funcionario municipal

Como no resto de casos, a estas xuntas de delegados tan só teñen dereito a acudir membros do goberno municipal -neste caso o alcalde, os outros catro edís do PP e a concelleira independente que apoia e forma parte do executivo local- que se reúnen para tratar, habitualmente, temas que logo serán abordados no pleno ou nas diferentes comisións debidamente reguladas. Cada un deles recibe 150 euros como dieta por asistencia, 50 euros máis dos que cobra calquera edil por asistir a outra comisión.

Ás xuntas de delegados só existen membros do goberno, que cobran 150 euros por asistencia, 50 euros máis que por calquera comisión

Segundo os cálculos da marea local, o gasto nestas xuntas de delegados teríanlle custado ao erario público en Cabanas arredor de 30.000 euros durante 2016, unha cifra que se incrementará a case 40.000 durante este ano de continuar levándose a cabo. Son cartos que non cotizan á Seguridade Social, xa que só se grava o IRPF. "Estas comisións non teñen funcións ningunhas, só serven para que o goberno do PP cobre sen declarar que ten salario”, di o seu voceiro, Pérez Sardiña, que coincide coas críticas que desde a oposición de Valga, Outes, Noia ou Curtis fixeron das comisións de coordinación nas súas localidades, que consideran "sobresoldos" para o executivo local do PP disfrazados de dietas.

En total, cada concelleiro de goberno percibe mensualmente 600 euros só neste concepto, ao que hai que sumar, a asignación a plenos, órganos externos, outras comisións e xuntas de voceiros. O alcalde, por ter unha dedicación parcial, non é remunerado pola asistencia a estas xuntas agora postas en cuestión. Ademais, as actas son asinadas polos edís asistentes e non hai funcionario público ningún que certifique as reunións. "É gravísimo; se non hai quen certifique, poderían non terse nin sequera realizado esa xunta e asinar só o formulario", advirte nunha crítica sobre a opacidade das xuntanzas que é común no resto de concellos onde se teñen denunciado.

Iago Varela, concelleiro do BNG en Cabanas © BNG-Cabanas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.