0 Gardados para despois

Feijóo ve “moi relevante” a imputación do ex-xefe de Adif pero rexeita unha investigación política de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente di agora que unha comisión parlamentaria só serviría para escoitar “as opinións dos deputados” e que “o único foro no que se fai xustiza é nos tribunais”

“Que se chame a declarar a un xefe de Seguridade de Adif é un dato moi relevante”. Así valorou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a imputación do ex-director de Seguridade na Circulación da empresa pública xestora da rede ferroviaria, Andrés Cortabitarte, pola súa posible responsabilidade no accidente de tren de Angrois ao non habilitar as medidas de seguridade necesarias para evitar un despiste como o que sufriu o maquinista. Unha valoración que o presidente acompañou dun rexeitamento aberto a unha investigación das responsabilidades políticas do sinistro, no que morreron 80 persoas, xa que, segundo dixo, só serviría para escoitar “as opinións dos parlamentarios” mentres que “o único foro no que se fai xustiza é nos tribunais”.

Segundo Feijóo, a súa principal consideración sobre o accidente de Angrois desde a mesma noite do sinistro é a necesidade de que as vítimas obteñan xustiza. Desde aquel primeiro momento, tanto o presidente da Xunta como outras autoridades estatais e autonómicas veñen poñendo o seu énfase no exceso de velocidade do tren e a responsabilidade directa nel do maquinista, Francisco José Garzón, imputado desde aquela. Este xoves Feijóo reiterou que é “evidente que ese tren ía a máis de 190 quilómetros por hora”. Pero tamén considerou “moi relevante” que se chame a declarar ao ex-director de Seguridade de Adif, responsable segundo o xuíz de habilitar as medidas de seguridade necesarias para evitar ese exceso de velocidade.

Porén, Feijóo rexeitou abertamente a posibilidade a crear unha comisión de investigación sobre as posibles responsabilidades políticas do sinistro, como reclaman as vítimas, porque, segundo di, “o único foro no que se fai xustiza é nos tribunais”, mentres que unha análise no Parlamento de Galicia ou no Congreso só serviría para, ao seu xuízo, “que os parlamentarios opinen sobre o que a xustiza está xulgando”. “Eu non creo en facer así a política”, asegurou.

En 2006, logo de catro mortes por incendios forestais, Feijóo defendía a necesidade desa análise política paralela

Porén, cando estaba na oposición, logo da vaga de incendios do verán 2006, na que se produciron catro mortes, Feijóo protestou contra a negativa a crear unha comisión parlamentaria do daquela goberno bipartito de PSdeG e BNG encabezado por Emilio Pérez Touriño, ao que chegou a interpelar en persoa: “Por que non quere vostede investigar? Por que dá instrucións ao grupo parlamentario de que non se poida investigar?”, preguntara, cando se rexeitou a súa petición para “que se investigase por que arderon 100.000 hectáreas e morreron catro persoas”. Aquelas mortes, como agora as de Angrois, tamén foran investigadas pola vía penal, o que non lle impedía reclamar unha investigación política paralela. “A Cámara galega está sometida aos cidadáns e se catro familias galegas están de loito, os políticos temos a obriga de explicar se a morte desas persoas se puido evitar”, dixera daquela Feijóo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.