0 Gardados para despois

O deputado Antón Sánchez encabeza a única lista da asemblea nacional de Anova

Redacción | @prazapublica

O deputado Antón Sánchez será, con toda probabilidade, o novo portavoz nacional de Anova. A organización impulsada por Xosé Manuel Beiras, na que o histórico nacionalista fora o principal referente orgánico xunto ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, chega finalmente á súa asemblea nacional deste sábado en Pontevedra cunha única lista, a encabezada polo actual vicevoceiro de En Marea no Parlamento, cos propios Beiras e Noriega nos postos terceiro e quinto pero sen a integración do considerado como sector crítico, integrado por persoas como o tamén deputado Davide Rodríguez, que considera que esta candidatura non é "de consenso", aínda que avanzou o seu apoio futuro ao novo portavoz.

A lista liderada por Sánchez, rexistrada baixo a denominación Candidatura República Galega, sitúa nos seus primeiros postos nomes como os de Gladys Afonso, Xiana López, Oriana Méndez, Raúl Asegurado ou Lara Rodríguez, ademais de cargos institucionais como o deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello, no posto 9, ou os alcaldes de Teo, Rafael Sisto, e Sada, Benito Portela. Esta lista, sinalou Sánchez este venres en rolda de prensa, manterá un "debate de ideas" coa representación da militancia crítica coa que, admite, non foron quen de pechar as negociacións para a integración.

Beiras e Noriega intégranse na candidatura ocupando os postos terceiro e quinto

Nesas conversas implicouse o propio Beiras, que no treito final dos contactos fixo pública a súa postura para considerar que Sánchez "debe ser o referente de Anova, como portavoz acompañado doutra xente". Nesta candidatura, afirmou, "a man está aberta para que neste período de rexeneración ninguén fique fóra da aposta estratéxica que Anova leva facendo dende hai catro anos, mellorando o funcionamento interno". De non existir acordo entre as "persoas de múltiples sensibilidades", como finalmente aconteceu, Beiras xa avanzaba a súa integración na lista de Sánchez.

Sánchez augura un debate "entre irmáns" e mantén que a formación seguirá a apostar pola "unidade popular"

Neste contexto Antón Sánchez asegura que, malia a non existir acordo, o debate asemblear será "entre irmáns" e nel a súa candidatura apostará por fortalecer a "unidade popular". "Non coñecemos outro xeito de plantarlle cara ás políticas da dereita que nos agreden" que non pase por "facer esforzos de xenerosidade e cesión aos espazos comúns", en referencia a En Marea. "Debateremos, faremos autocrítica e renovación", asegura.

A asemblea de Anova, a terceira dende a súa fundación, comezará coa presentación do informe de xestión da Coordinadora Nacional saínte e mais co debate e votación da tese organizativa e mais dos estatutos da formación. A continuación, xa en quenda de tarde, abordarán a tese política e mais as votacións da Coordinadora Nacional e da Comisión de Garantías. Dado que existe unha única lista, serán os membros da candidatura de Sánchez quen conformen estes novos órganos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.