O PSdeG pedirá a reprobación do subdelegado do Goberno en Lugo por minimizar unha agresión sexual

Álvaro Santos, voceiro socialista na Deputación de Lugo © PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE solicitará este martes que o pleno da Deputación de Lugo reprobe a Ramón Carballo, subdelegado do Goberno, polas declaracións realizadas hai dúas semanas, nas que minimizou unha posible agresión sexual sufrida por unha muller nun parque da cidade.

Unha muller que facía deporte no Paseo do Miño, en Lugo, foi asaltada por un home, que a acosou e chegou a realizarlle algún tocamento. Despois de que a muller se resistise á agresión, o home fuxiu do lugar, procedendo ela a denunciar os feitos. En declaracións á Cadena Ser, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, restou importancia ao sucedido, rexeitando que se puidese considerar unha "agresión sexual", afirmando que "houbo unha intimidación e un achegamento, mesmo algún tocamento, pero non chegou a máis” e sinalando que se trata dun "feito illado".

A moción dos socialistas insta a que os cargos públicos "adopten un papel de defensa das vítimas e non de desculpa dos agresores"

O voceiro do goberno provincial, Álvaro Santos, anunciou este luns a iniciativa, cualificando de "nefastas" as palabras de Carballo. Segundo o PSdeG-PSOE, as declaracións de Carballo non poden "representar" os e as cidadás lucenses. Na súa moción, os socialistas instan ao Goberno da Deputación a "aplicar as medidas necesarias para que os seus representantes adopten un papel de defensa das vítimas e non de desculpa dos agresores".

Hai dúas semanas o propio Santos cualificara as palabras de Santos de “retrógradas e machistas”. “Que máis fai falta que un tocamento con claras connotacións sexuais para asegurar que é unha agresión?, preguntouse Santos, que reclamou que “Carballo debe pedir desculpas porque as súas afirmacións si son unha clara agresión á dignidade de todas as mulleres”.

Álvaro Santos, voceiro socialista na Deputación de Lugo © PSdeG-PSOE
Ramón Carballo, subdelegado do Goberno en Lugo © Ministerio da Presidencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.