Anova referenda a Antón Sánchez como portavoz nacional e chama a "fortalecer a unidade popular"

Reunión da Coordinadora Nacional de Anova, este sábado en Teo CC-BY-SA Anova

Antón Sánchez xa é, dende este sábado, o novo portavoz nacional de Anova. Tras unha asemblea nacional empañada polos enfrontamentos entre un grupo de militantes que, subliñou Sánchez, non reflectiron o "ambiente" xeral do conclave, a Coordinadora Nacional elixida naquela cita mantivo este sábado a súa primeira xuntanza para elixir os membros da comisión permanente, isto é, a dirección ordinaria da formación, co tamén vicevoceiro parlamentario de En Marea á fronte e organizada en dúas grandes áreas: Acción Política e Organización, con Iria Otero como Responsable; e Coordinación, para a que foi elixido Raúl Asegurado.

"Iniciamos unha nova etapa en Anova" coa convicción de que "fortalecer Anova é fortalecer a unidade popular", asegurou Antón Sánchez ante a prensa nun receso dunha coordinadora que distribuíu tamén o resto de responsabilidades da nova dirección, con sete membros menos que a anterior. Así, Gladys Afonso será a responsable da área de Finanzas e Ana Ardid, de comunicación interna, mentres que a área de comunicación xeral corresponde a Raquel Martínez.

A nova permanente de Anova estrutúrase en dúas grandes áreas: Acción Política, con Iria Otero á fronte, e Coordinación, para a que foi elixido Raúl Asegurado

Xiana López, como responsable da Área Externa e de Relacións Políticas e Brais Borrajo, situado á fronte da nova responsabilidade denominada Rebelión Cívica, son tamén membros dunha dirección na que Lara Rodríguez, edil en Lalín, se encargará de Acción Institucional e Brais Rodríguez, do ámbito da Formación. A nova permanente de Anova complétase coa área de Iniciativas Programáticas, dirixida por Antón Dobao, Acción Feminista, con Valeria Vázquez, e a área de Mocidade, encabezada por Iván Rodríguez.

Sánchez subliña que na elección da coordinadora e portavocías de En Marea "a cuestió nominalista é o de menos"

Unha das principais encomendas da nova etapa da organización que ata agora tivo como principais referentes públicos a Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega -ambos forman parte da nova Coordinadora- é, para o novo portavoz nacional, "non consentir normalizar a situación política mentres haxa desigualdade e explotación". "Seguiremos -asegura Sánchez- sendo unha ferramenta deseñada para retroalimentar a rebelión cívica contra un sistema e un réxime que provoca sufrimento as maiorías", asegura, cun chamamento a "traballar na sociedade" alén das citas electorais.

Antón Sánchez comeza a súa andaina na portavocía de Anova nun contexto no que, asegura, avoga igualmente polo fortalecemento de En Marea. Na véspera da coordinadora nacional na que o partido instrumental tentará despexar a elección da súa coordinadora e portavocías, proceso adiado dende o pasado xaneiro, Sánchez "reitera" que a "cuestión nominalista é o de menos", xa que a "análise política" debe centrarse "no que é En Marea" dende unha óptica da "pluralidade".

 

Sánchez e os membros da nova dirección, ante a prensa este sábado CC-BY-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.