Leiceaga reclama a Feijóo que evite revisións á baixa de dependencias xa recoñecidas

Feijóo intervén no Pleno do Parlamento diante do grupo popular Dominio Público @ppdegalicia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, esgrimiu este mércores no Parlamento de Galicia unha carta que recibiu do pai dun mozo autista cuxa dependencia vén de ser reducida de oficio pola Xunta e reclamoulle ao presidente Feijóo que evite este tipo de situacións empregando recursos económicos aos que renunciara ata agora. Fíxoo na sesión de control ao Goberno logo de que a pasada semana este diario revelase que a Xunta vén de ser condenada por rebaixarlle a dependencia a un home que pedía revisala á alza e que acabou morrendo.

O portavoz socialista e o de En Marea, Luís Villares, acusan á Xunta de renunciar a empregar recursos financeiros e legais que lle permitirían gastar máis en servizos sociais e o presidente replícalles que non quere endebedarse

Tanto Leiceaga como o portavoz de En Marea, Luís Villares, centraron as súas intervencións en preguntarlle a Feijóo por que non emprega todos os recursos financeiros ou legais dos que ao seu xuízo dispón para obter máis cartos que gastar en servizos sociais. Segundo o socialista, a Xunta renunciou a aproveitar ao máximo o teito de déficit que teñen fixadas as comunidades autónomas, o que supón que deixou de dispor de 60 millóns de euros a maiores nas contas autonómicas que ao seu xuízo deberían destinarse a aumentar as prestacións da dependencia e da renda de inserción social (Risga). “Temos capacidade legal para endebedarnos e non nos vai custar nada”, dixo. E, como exemplo da lentitude e mesmo dos retrocesos que se están a experimentar na aplicación da lei de dependencia –“era unha lei de implantación progresiva, o asunto é a que ritmo o facemos, e o estamos facendo por debaixo do que sería posible”, dixo- o socialista esgrimiu a misiva recibida polo PSdeG. Nela, o pai afectado relata que vén de recibir unha carta da Consellería de Política Social na que, debido a unha revisión de oficio, se lle informa de que a súa prestación será rebaixada de preto de 400 euros a uns 200.

Zonas grises da lei

Pola súa banda, Villares criticou que nunha recente entrevista en El Mundo o presidente Feijóo admitise que o PP e outros partidos aproveitaron “zonas grises da lei” para financiarse e reprochoulle que non aproveitase esas mesmas zonas grises doutras leis en beneficio da cidadanía. “As zonas grises poden ser empregadas polo ben común”, dixo, e puxo como exemplo a posibilidade que tiña o Goberno galego de financiarse no Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), previsto para as comunidades intervidas polo Estado pero que ao seu xuízo non impedía que fose utilizado tamén pola Xunta sen que esta tivese que facer fronte aos custos do resto de autonomías. “En Marea cre nunha interpretación da lei que beneficie ás maiorías”, dixo Villares.

Feijóo asegura que o seu obxectivo é pasar de 48.000 a 60.000 dependentes atendidos en 2017

As respostas de Feijóo aos dous voceiros foron similares na medida en que lles reprochou a ambos que as súas propostas suporían incrementar a débeda pública de Galicia. O presidente insistiu no seu argumento de que a economía galega está hoxe mellor que cando el chegou á Xunta e asegurou que o seu obxectivo é “pasar de 48.000 a 60.000 dependentes atendidos en 2017 fronte aos 14.000 do bipartito”.

Leiceaga, voceiro do PSdeG, dirixíndose a Feijóo © Parlamento de Galicia
Sentenza do TSXG do pasado 22 de febreiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.