Cargos do PSOE en Lugo asinan un manifesto polo AVE tras certificar Fomento o seu abandono

Medio cento de socialistas asinan o manifesto polo AVE © PSOE Provincial Lugo

Medio cento de cargos socialistas da provincia de Lugo asinaron este sábado na capital o manifesto AVE a Galicia 2019, AVE a Lugo 2019, no que apostan pola alta velocidade no territorio e o "firme compromiso" por parte do PSOE para "defender a chegada do AVE a Lugo, ao igual que ao resto da comunidade galega". Fano logo de que Fomento certificase o abandono sen prazo da nova liña de tren a Lugo que prometeu Feijóo no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado

Os cargos socialistas reivindican o "firme compromiso" do PSOE para "defender a chegada do AVE a Lugo, ao igual que ao resto de Galicia"

Representantes socialistas a nivel local, provincial, autonómico, estatal e europeo lembraron que “dende os gobernos do PP, prometeuse que a alta velocidade era positiva para a provincia, e que o farían". "Pero a realidade é que nada de nada", dixo Darío Campos, presidente da Deputación provincial, que cre que todos deben "traballar, involucrando a xente para que o AVE a Lugo sexa unha realidade". "Temos que conseguilo porque é de xustiza", engadiu. 

Na lectura conxunta do documento, a alcaldesa socialista de Lugo, Lara Méndez, destacou que “a alta velocidade é unha reivindicación, máis que xusta, imprescindible para conseguir un desenvolvemento social e económico en condicións para Lugo". "Os socialistas non só reivindicamos senón que, cando podemos, nos comprometemos dende as institucións, a través do BOE e do DOG, que é onde realmente se materializan os compromisos”, advertiu. 

"Cos Orzamentos do Estado compróbase, unha vez mais, como a conexión de AVE a Lugo desaparece do mapa a nivel estatal"

Pola súa banda, o presidente da xestora provincial, Luís Ángel Lago Lage, lembrou que cos Orzamentos do Estado deste ano compróbase, "unha vez máis, como a conexión de AVE a Lugo desaparece por completo do mapa a nivel estatal". "De feito, somos a única capital de provincia que non conta con alta velocidade”, engadiu. Ademais, o voceiro do grupo provincial socialista, Álvaro Santos, insistiu en que o AVE é "absolutamente necesario para poder medrar como provincia". "Non podemos consentir que nos sigan enganando e relegando despois de todo o esforzo feito durante os últimos anos”. 

Os cargos socialistas denunciaron tamén as que consideran "mentiras" de Feijóo logo de que en 2009, durante un mitin de precampaña en Lugo e xunto a Rajoy, asegurase que sería a Xunta que realizase as obras do AVE Lugo-Ourense. Oito anos despois, recordan no PSOE, Feijóo e Rajoy gobernan Galicia e España "e Lugo desapareceu do mapa da alta velocidade, converténdose na única capital de España e na única provincia galega sen AVE".

"Feijóo e Rajoy non só mentiron e enganaron reiterada e descaradamente a todos os lucenses, senón que lapidaron o futuro da provincia. E fixérono con toda a absoluta complicidade do conxunto dos seus compañeiros do PP de Lugo, que, esta semana, tras a presentación dos Presupostos Xerais do Estado, ata se amosaron gratamente satisfeitos, tras certificar o enterro do AVE na nosa provincia", conclúen, antes de lembrar os beneficios e o impacto social e económico que supuxo a chegada deste tren a outras provincias.

"Sen AVE, a provincia de Lugo non existirá no mapa do Estado e os cidadáns quedarán totalmente descolgados, pois o PP, a maiores, tamén deixa a provincia sen autovías a Ourense, a Santiago e á Mariña", rematan. 

O documento, elaborado coa colaboración dos representantes lucenses socialistas das principais institucións, e coordinado por Santos Ramos, será remitido a toda a provincia para "recadar o apoio xa expresado de todos os compañeiros do PSOE na provincia de Lugo, así como de militantes e simpatizantes". 

Estación ferroviaria de Lugo, sen trens © Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.