O PP rexeita retirar os 650.000 euros do Sergas para cregos porque "á cidadanía non lle molestan"

Capela do Hospital Universitario de Lugo © CYC Construcciones

Os Orzamentos da Xunta para 2017, aprobados polo Parlamento o pasado febreiro, contemplan 52 prazas de "atención especializada" no Servizo Galego de Saúde que non están destinadas a persoal sanitario nin a profesionais que atendan outros labores no funcionamento ordinario dos hospitais. É o orzamento destinado a sufragar ata 41 cregos a xornada completa e outros 11 con xornada parcial dos hospitais da rede pública do Sergas, unha dotación de algo máis de 652.000 euros en 2017 cuxo mantemento o PP vén de defender no Parlamento ante a iniciativa socialista que reclamaba a súa retirada e redirección a gastos sanitarios. "Á cidadanía non lle molesta" que a Xunta financie os soldos destes cregos, manteñen os populares.

A orixe deste financiamento público está nos acordos do Estado español co Vaticano de 1979 e concretouse nunha orde de 1985, cando a sanidade aínda non fora transferida ás comunidades autónomas. En 1995, xa coa competencia transferida e con Alberto Núñez Feijóo na secretaría xeral, o Sergas asinou un convenio coa Igrexa para manter esta dotación orzamentaria. O acordo foi prorrogado sen variacións en 2005, pouco despois da chegada do bipartito ao poder, e os seus termos tampouco variaron tras o retorno do PP.

Os Orzamentos de 2017 contemplan algo máis de 652.000 euros para sufragar ata 41 sacerdotes a xornada completa e outros 11 a tempo parcial

Estes pactos estipulan, entre outras normas, un número determinado de cregos en función do número de camas do hospital -por exemplo, un capelán a tempo completo e outro a tempo parcial para centros de entre 100 e 250 camas-. Este é o motivo polo cal, como informou Praza.gal, o número de prazas de sacerdotes orzamentadas para os hospitais apenas variou durante a crise económica -en 2010 o hospital da Coruña pasou de 8 a 7 e en 2014 o de Ourense, de 10 a 8-, anos nos que o plantel de persoal sanitario si se viu recortado de forma notable. As oscilacións no orzamento total débense a que estes salarios subiron ou baixaron como os do persoal sanitario.

No entanto, o feito de que estas 52 prazas estean orzamentadas non implica que estean cubertas na súa totalidade. Así, por exemplo, nunha resposta parlamentaria do ano 2013 a Consellería de Sanidade especificaba que naquela altura nos hospitais públicos desenvolvían o seu labor "41 capeláns cun custo total de 531.384 euros", o que implicaba 14 prazas menos das orzamentadas naquel exercicio. Ante esa diferenza o sindicato CIG-Saúde reclamara que, cando menos, esas prazas baleiras de curas non se cubrisen máis e fosen substituídas por "prazas estruturais" de persoal sanitario.

"A iniciativa máis demagóxica dos últimos anos"

A diferenza entre as prazas orzamentadas e as realmente cubertas foi, precisamente, un dos argumentos da deputada popular Marta Rodríguez-Vispo para opoñerse este martes á retirada de fondos reclamada polo PSdeG. "Non hai ningún escurantismo", asegurou a parlamentaria, para acusar ao autor da proposta socialista, Julio Torrado, de ofrecer datos que "non coinciden" coa realidade. Fronte aos máis de 650.000 euros aos que alude a iniciativa a deputada conservadora mantexa unha "contía de 438.000 euros" e tamén un menor número de cregos a exercer. Preguntada ao respecto por Praza.gal a Consellería de Sanidade remitiuse ao que se abordase neste propio debate parlamentario.

Julio Torrado (PSdeG): "Non dicimos que non haxa que atender o credo das persoas, dicimos que non hai que financialo con cartos públicos"

Alén das cifras Rodríguez-Vispo fai súas as consideracións escoitadas "esta mañá no faladoiro da Radio Galega" para unirse a quen "cualificaron esta iniciativa como unha das máis demagóxicas dos últimos anos". Os acordos para financiar os cregos, subliña, remóntanse á etapa de Felipe González, "un excelente político", e sufragan "un servizo que funciona ben, que é ben valorado e moi demandado". O PP, resalta, aposta polo mantemento dos sacerdotes financiados polo Sergas porque nun Estado aconfesional o Goberno debe "manter relacións de cooperación" coa Igrexa e "non temos nada en contra de ningunha das relixións". Ademais, agrega, gobernos do PSOE como o da Junta de Andalucía tamén os financian.

"Falando de demagoxia... Dicir que nós estamos en contra da relixión non sei se é demagoxia, pero é mentira", retrucou o socialista Torrado, quen advirte de que a súa iniciativa "en ningún momento di que non haxa que atender o credo das persoas" nos hospitais se así o solicitan. "O que dicimos é que non hai que financialo con cartos públicos" e que "hai un concordato" coa Santa Sé, "pero non obriga" a poñer sobre a mesa un orzamento que, no caso galego, subliña, permitiría "contratar 15 médicos de atención primaria ou urxencias" ou "20 fisioterapeutas". "É máis importante contratar médicos, enfermeiros ou fisioterapeutas que curas", sintetizou para defender unha iniciativa que tamén recibiu os votos a prol de En Marea e BNG.

Romay Beccaría e Feijóo dirixían o Sergas cando se asinou o primeiro acordo para financiar os sacerdotes Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.