0 Gardados para despois

Arquivada a acusación contra cargos do PP de Lugo por carrexar anciáns con demencia nas eleccións de 2012

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Houbo carretaxe de cargos do PP de Lugo a persoas anciás con problemas de demencia para levalas a votar nas eleccións galegas de 2012, pero non encaixa nos delitos tipificados na lei electoral. É a conclusión á que vén de chegar a Audiencia Provincial lucense para ditaminar o arquivo da causa contra o ex-líder do partido na provincia, José Luis Iravedra, e outros tres membros da formación polo traslado a un colexio electoral de residentes do asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados que, segundo informes do Instituto de Medicina Legal de Galicia, "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto" por mor de "padecimentos" como "demencia senil" ou alzhéimer.

Nun auto datado no pasado 11 de abril, a cuxo contido tivo Praza.gal, a sección segunda da Audiencia Provincial decidiu, coa oposición dunha das maxistradas que a forma, pechar a causa que comezou cunha denuncia de AGE naquela xornada electoral e continuou con Esquerda Unida, membro daquela coalición, a exercer a acusación popular. A Audiencia non pon en dúbida que a carretaxe se producise e mesmo concorda no "reproche ético e social que merecen feitos" coma estes, pero considera que non son "constitutivos de ningunha das infraccións penais ás que se referiron" a acusación e mais a xuíza que o pasado xuño considerou oportuno pechar a instrución e enviar o caso a xuízo.

A Audiencia certifica que a carretaxe se produciu e concorda no "reproche ético e social" dos feitos, pero non cre que encaixen nos delitos tipificados pola lei electoral

Segundo o razoamento da Audiencia, Iravedra -na altura membro do consello de administración da CRTVG en representación do PP- e o resto de membros do PP non realizaron "actos de propaganda electoral" fóra de prazo nin empregaron "papeletas ou sobres electorais" contra a normativa. Do mesmo xeito, agrega, a súa conduta non encaixa no precepto que castiga non impedir a participación nas votacións de persoas sen "capacidade legal" para facelo, caso por exemplo dunha incapacitación xudicial. 

Aínda que a Sala admite a existencia de xurisprudencia do Tribunal Supremo ao respecto, cunha condena por un episodio semellante no ano 2014 no que ningunha das persoas afectadas estaba xudicialmente incapacitada, neste caso considera que "non está debidamente acreditado, nin sequera con carácter indiciario", que "as persoas que foron levadas a votar" fosen "persoas coas súas facultades intelectivas e volitivas mermadas".  Tampouco que non fosen quen de "comprender" ou "decidir a súa intención de votar e o sentido do seu voto". Por este motivo aceptan os recursos da Fiscalía e dos cargos investigados -antiga imputación- e decide o arquivo.

Voto particular dunha maxistrada

Este auto, co xuíz José Manuel Varela como relator e Edgar Amando Cloos como presidente, saíu adiante coa oposición da terceira membro da Sala, a maxistrada Ana Rosa Pérez Quintana, que fixo constar a través dun voto particular a súa "discrepancia" a respecto da "ausencia de indicios suficientes" para continuar co caso. Ben ao contrario, ao seu xuízo existían "indicios racionais dabondo" de que "as persoas trasladadas a votar non tiñan a capacidade cognoscitiva suficiente" para ir votar e decidir por quen facelo, e por iso cre que "procede", como pedía EU, seguir adiante e "imputar a directora do asilo" por "entender que o traslado dos votantes se fixo de forma organizada" e que "a entrega das papeletas tivo que ser previamente preparada".

A maxistrada Pérez Quintana oponse ao arquivo por ver "indicios suficientes" para xulgar os cargos do PP e mais para imputar a directora do asilo

A maxistrada xustifica a súa postura recuperando os casos de cinco das anciás trasladadas a partir dos testemuños e "dos informes médicos emitidos na causa". Así, detalla, unha das mulleres, de 87 anos, "non lembraba" as eleccións "poucos meses despois" e, "segundo o informe forense, presentaba deterioro cognitivo leve-moderado". Outra, de 97 anos, si lembraba "ir votar" e que "votou a quen quixo, aínda que dixo que a axudaran e que non sabe quen a axudou". Un TAC cerebral, destaca, acredita que esta persoa sufría "deterioro cognitivo" dende o ano 2000.

Pérez Quintana cita aínda tres casos máis. O dunha muller de 78 anos que "non lembraba que fose votar", da que "consta que é analfabeta " e padece "capacidades executiva e de xuízo crítico limitadas", así como o doutra anciá de 75 anos que "declarou ante a xuíza que foi votar e levou o voto da residencia". Unha máis, de 99 anos, "non puido declarar na causa, aínda que se tentou, porque padecía hipoacusia [xordeira] severa".

"Impunidade vergoñenta"

A decisión da Audiencia foi acollida con desagrado no seo de EU, que na súa condición de acusación popular ve "lamentable" que "os cargos do PP lucense saian impunes" deste caso. A xuízo do ex-deputado de AGE Ramón Vázquez, membro da dirección da formación, a decisión é "un gran paso atrás na loita pola rexeneración democrática", máis aínda tendo en conta o voto particular da maxistrada Pérez Quintana.

"O propio tribunal -resalta- considera que estes feitos son reprochables ética e socialmente" e "para nós segue a ser un tema sumamente serio", xa que "falamos de persoas en situación de especial vulnerabilidade" que "exerceron de forma forzada o seu dereito ao voto portando a papeleta nun sobre pechado dende a saída da residencia, é vergoñento e denigrante". Unha vez coñecido o auto, agrega, EU "valorará" se "recorrer ao Tribunal Constitucional.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.